A Estrada repasa o seu pasado medieval e programa para hoxe unha visita á igrexa de Ouzande

DEZA

16 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Estrada abreu onte as primeiras xornadas locais de historia con dúas conferencias centradas na época medieval. A catedrática de Filoloxía románica Mercedes Brea López falou do destacado papel da comarca na lírica galego-portuguesa. Dous dos trobadores máis recoñecidos, os irmáns Paio Soares de Tabeirós e Pero Velho, foron poetas locais emparentados coa nobreza. Brea convidou ó auditorio a sumerxirse na lírica galego-portuguesa, destacando a súa beleza, a expresividade da linguaxe e a accesibilidade para calquera lector.

Tomou o relevo o catedrático de Historia medieval Anselmo López Carreira, que destacou o lugar central que Galicia tivo en Europa na idade media, desde o punto de vista político, cultural, arquitectónico e lingüístico.

A segunda parte das xornadas locais de historia medieval celebrarase hoxe, cun roteiro de senderismo pola mañá e unha proxección audiovisual pola tarde.

O roteiro partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello para visitar a igrexa de Ouzande, unha das xoias do románico galego. En orixe o roteiro tiña prevista tamén a visita á Torre de Guimarei. Sen embargo, unha visita previa do guía do roteiro, o historiador e editor local Xosé Luna, desaconsellou o percorrido, xa que a maleza pecha os camiños de acceso e o mal tempo complica máis o tránsito.

Pola tarde, a partir das 19.00 horas, a sala de exposicións de Caixanova acollerá a proxección do documental A Estrada románica . A continuación Xosé Luna falará sobre o románico estradense.

Polos tellados da catedral

As xornadas de historia culminarán cunha visita ós tellados e á cripta da catedral de Santiago. Na sesión de onte abriuse a inscripción para participar nesta viaxe. O Concello asumirá o custe do autobús para o desplazamento e os participantes deberán financiar a entrada. A visita celebrarase un sábado aínda por determinar.

Os poñentes nas xornadas recibiron como agasallo unha réplica da Torre de Guimarei en cerámica realizada polo artista local Fernando Porto.