«O premio recoñece a labor feita dende e para o rural»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Deputación de Pontevedra concedeulle á fundación cruceña o Premio á Cultura, na categoría de proxecto innovador

06 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A institución provincial acaba de outorgarlle á Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) o Premio Provincial á Cultura, na categoría de proxecto innovador. A Deputación entregaralle 6.000 euros pola súa labor de recuperación, investigación e catalogación da cultura popuplar. Un premio que agradecía, en nome de todos os patronos de A Solaina, Francisco Lareo.

-Este premio supón moito. O premio recoñece a labor feita dende e para o rural. A Deputación de Pontevedra amosou sensibilidade ao revisar proxectos coma o noso, que parte dunha aldea do rural.

-¿Contaba recibir un galardón da Deputación?

-Para nada. Os patronos de A Solaina nunca nos sentamos a facer un programa pensando en si recibiremos un premio ou non. O que nos motiva é realizar programas e artellar actividades na fundación. Os premios sempre son benvidos, claro, pero nunca pensamos nos mesmos.

-¿É o primeiro destas características?

-Desta índole é o primeiro. Pero A Solaina conta con moitos premios máis. O máis importante de todos é o recoñecemento popular, o viaxe de boca en boca, os alagos que recibes dos visitantes que veñen á casa museo e tamén as cartas que che van chegando de persoas que estiveron aquí nalgunha ocasión, que disfrutaron da estadía, e que se comunican coa Solaina para deixar constancia das súas vivenzas e sentimentos.

-¿E, que supón, para a fundación e para o seu presidente este recoñecemento?

-É unha garantía de que na Solaina estamos traballando na boa dirección. É un traballo que se prantexa para todo o mundo, sin excepcións. Certo é que na Solaina quedan aínda moitas cousas por facer, pese aos anos que levamos programando e desenvolvendo actividades. Os centros teñen que penetrar no medio, teñen que continuar medrando e espallando a cultura por todos os rincóns.

-¿Por onde pasa o futuro de A Solaina?

-Pois esperamos que A Solaina continúe dando moitos momentos de ledicia, numerosas actividades e moito ocio que compartir con todos aqueles que nos queiran visitar ademais de extenderse por Galicia adiante e por fóra. A Solaina xa ten currículo no exterior, lembremos que estivo en Francia cunha exposición e o futuro pasa por seguir dando a coñecer o traballo que se realiza aquí. A Solaina será un centro no que se sentarán conversacións.

-Sempre respetando o rural e a terra...

-O noso rural foi importante no pasado e penso que o continuará sendo no futuro. O noso rural brilará de por sí e alimentará as necesidades máis íntimas da persoa. E se hai algo que temos claro nesta nosa Solaina é o amor e o fondo respeto que sentimos todos os patronos pola nosa terra.