«O primeiro que faría como delegado territorial sería visitar aos alcaldes e poñerme a súa disposición»

M. A.

DEZA

24 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao final, o seu nomeamento como delegado territorial -«porque superdelegado sona a superman», explica- estase retrasando máis do previsto. Non será ata a próxima semana que se faga oficial. Por iso, aínda que todo esté feito, o todavía alcalde de Cambados prefire contestar ás preguntas en condicional. «É unha etapa que collerei con ganas e ilusión porque son un home de partido e estarei orgulloso de que o presidente pensara en min», así resume o seu sentir ante a súa inminente incorporación á nova delegación.

-Díxolle aos veciños que ía esgotar o mandato ¿e agora?

-Cando o nomeamento sexa oficial mandarei unha carta a todos os veciños, para dar a grazas polo trato recibido durante este tempo e para explicarlles todo. Eu pensaba deixar a alcaldía en decembro do 2010. Pero aquí hai un equipo moi bo de concelleiros e non imos ter problemas. Esta xa era a miña última lexislatura coma alcalde e creo que despois de 22 anos a miña contribución á política local estaba acabada. Despois de tanto tempo é hora de facer o relevo. E quero agradecerlle a todos os compañeiros e concelleiros polas súas aportacións. Non debemos de facelo tan mal cando levamos 22 anos no poder.

-¿Cómo valora a súa etapa na política local?

-Moi dura, porque a política local é moi dura. Pero o balance é positivo. As persoas que me coñecen saben que son unha persoa sinxela e normal. Todo o mundo pode vir aquí e falar co alcalde sen necesidade de pedir cita. E os veciños valoran que o alcalde sexa una persoa accesible. Traballei con dous alcaldes e aprendín moito. Eran diferentes pero tiñan moita capacidade de traballo. E espero que o sucesor sexa igual. A verdade é que o equipo do PP aquí é moi bo.

-¿E na mancomunidade?

- A mancomunidade foi unha das etapas máis bonitas porque conseguimos axudas por valor de 40 millóns de euros para toda a comarca. E conseguimos que entrara Vilagarcía. Custoume dúas reunións con Gago que decidiran entrar.

-¿Ten o Salnés máis peso político neste goberno?

-É o que toca, temos dous deputados, dos deputados provinciais e un senador. Tamén un conselleiro, pero a representación do Salnés é similar á de outras ocasións. Temos un peso importante pero tamén somos unha das comarcas máis importantes de Galicia.

-¿Pensaba cando estaba pelexado coa Xunta que isto podía acabar así?

-Entón, non pensaba niso, só en aguantar os catro anos.

-Hai quen di que o cargo é un premio por criticar ao bipartito

-Eu creo que non, porque entón habería que premiar a moitos máis. O enfrontamento foi un enfrontamento de defensa dos intereses dos cambadeses. A min dixéronme que Cambados era un obxectivo do bipartito e que era importante que Cambados estivera gobernado por eles. Nos últimos catro anos, o presidente non visitou Cambados, sacáronnos as urxencias pediátricas, tivemos os problemas con Antón Losada e Pesca multounos polos vertidos. Era un enfrontamento diario. Eu son dialogante e non me gusta o follón. Pero, de repente, día si, día non tiñamos enfrontamento. Os intereses de Cambados están por riba dos de calquer outro tipo e os veciños así o recoñeceron e nas últimas eleccións sacamos o 56% dos votos. Iso demostra que os veciños queren outra forma de gobernar e iso hai que retomalo.

-¿Como vai ser esa outra forma de gobernar?

-Eu o primeiro que faría sería visitar aos alcaldes un por un e poñerme a disposición deles, goberne quen goberne nos municipios. Son representantes legais dos veciños e o meu deber sería visitalos. Non podemos discriminar aos alcaldes porque sexan doutro partido. De feito, un dos concellos onde máis se investiu durante o Goberno de Fraga foi Vilagarcía, gobernado polo PSOE, e queremos restablecer as relacións institucionais.