Bamarti confía en evolucionar o seu 306, e confésase sorprendido polo ritmo dos seus competidores

La Voz

DEZA

24 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O quinto posto que o piloto José Miguel Martínez Barreiro acadou a pasada fin de semana no Rali Comarca da Ulloa deixou un sabor agridoce no estradense. «Custounos máis do previsto adaptarnos, porque ao inicio non estaba moi ben a suspensión do coche», explicou Bamarti. O piloto recoñeceu que a quinta praza do podio non cumpría as expectativas marcadas antes do inicio da carreira, e recoñecíase sorprendido polo nivel dos seus competidores. «A xente achégase ao límite do que se pode, e todos os pilotos melloraron moito os coches respecto ao ano pasado; nós o noso revisámolo».

O preto dun ano que Bamarti e Manolo Campos levaban sen competir, deixouse notar tamén na proba da Ulloa. «Notei o ano que levabamos sen competir á hora de empezar a correr, porque nos primeiros tramos dábaste conta do rápido que ías», comentou o piloto ao tempo que destacou a melloría dos seus cronos a medida que foi avanzando a xornada.

Co Ulloa xa no recordo, Bamarti indicou que a súa intención na próxima proba, o Rali do Cocido, pasará por estar no máis alto do podio. Para elo, o obxectivo está en «comezar xa con mellor ritmo dende a primeira pasada», pero sempre sen exceder os límites que o 306 Kit Car permita. «O primeiro ten que ser acabar, porque o ritmo altísimo xa lle pasou factura a xente como Meira e Vilariño no Ulloa, e se a tempada continúa así, o equilibrio entre correr moito e non equivocarse pode resultar clave» para aspirar a un novo título.