Salgado Uribe, un alcalde que apostou pola modernización

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Oliveira e Sinhor Afranio lembrarán mañán a figura do rexidor do Concello de Carbia e «enriquecer a súa figura»

18 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Oliveira, Asociación para a recuperación da Memoria Histórica e defensa do Patrimonio Inmaterial de Teo, xunto á Comisión pola Memoria Siñor Afranio lembrarán mañán sábado, na Sala Multimedia do Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces a partires das 20.30 horas, a Benjamín Salgado Uribe. Un home que posúe unha fonda e interesante traxectoria vital, segundo se desprende das investigacións que se realizaron nestes últimos anos sobre a súa persoa.

Soubemos de Benjamín Salgado Uribe por un neto seu que vive en Teo, apunta o secretario de A Oliveira Xosé Luis Santos Cabanas. «O neto de Salgado Uribe é socio de A Oliveira e nos falou do seu avó, un home que naceu no ano 1889 en Vilar -na parroquia de Cacheiras- no Concello de Teo. Foi o quinto dos fillos da maestra Marcelina Uribe e do médico Fernando Salgado. Emigrou e mesmo foi alcalde de Carbia, hoxe Vila de Cruces. Por iso decidimos dar a coñecer a súa figura en Vila de Cruces, e antes xa o fixemos no Concello de Teo».

O traballo que están levando a cabo as comisións para a recuperación da Memoria Histórica xunto a un bo número de investigadores están sacando á luz a vida de moitos loitadores. «Todos os días saen voces silenciadas, as dos nosos antecesores que se preocuparon pola modernidade e que fixeron calar. Salgado Uribe foi un alcalde que loitou pola modernidade. Como moitos galegos coñeceu a emigración. Exerceu como xornalista. Percorreu América, estivo na Habana, en Estados Unidos e en Bos Aires. Ao voltar a Galicia asentouse en Arzúa e alí abriu un almacén de tecidos, de certa importancia para aquela época, e era moi apreciado polos veciños da zona. Contribui a modernizar o tecido social e político de aquel entón».

De Benjamín Salgado Uribe se sabe que ao morrer o seu pai, se despraza a Vila de Cruces cun irmán e alí abren un ultramarinos e participa activamente no tecido asociativo da segunda República. «É elexido alcalde de Carbia ao gañar o Frente Popular, pero o 18 de xullo é a rebelión militar e os acontecementos precipítanse. Tén medo pola súa vida e decide agocharse», salienta Santos Cabanas.

As investigacións realizadas polo profesor, historiador e filósofo lalinense Manuel Igrexas -que inestigou a época republicana e a represión posterior ao ano 1936 na comarca dezá- e por Ramón Arufe (casado cunha neta de Uribe) -que estudou a figura de Banjamín Salgado- datan o falecemento deste veciño de Teo no ano 1950 a causa dunha tuberculose, despois de ser indultado do delito de rebelión militar que non cometera. Na xuntanza cruceña agárdase «enriquecer máis a súa figura».