Entrevista | Armindo Salgueiro Leva case cinco meses na academia Glogauer cunha bolsa de formación concedida polo Concello de Lalín. A experiencia está sendo moi positiva, e xa prepara mostras expositivas
20 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Armindo Salgueiro atópase visitando á familia en Lalín, pero só ate o luns xa que daquela voltará para Berlín. -Case cinco meses de estadía, ¿que balance fai? -É un balance moi positivo. Os primeiros quince días foron de toma de contacto coa cidade e de empaparse de todo o que te rodea, logo comezou o traballo totalmente a saco xa que non existen fins de semán nen festivos. -¿Como é a academia Glogauer? -Era un vello rectorado que, despois da guerra, pasou a converterse en escola de cativos e agora é unha gran escola chea de aulas, estudios abertos, e por onde pasan galeristas e conferenciantes. -¿E aí se dan cita artistas de todo o mundo? -A variedade é ampla. Agora mesmo abondan os cataláns pero tamén é importante o número de artistas americanos e italianos que están nas instalacións tomando parte nas distintas actividades. É unha escola na que compartimos absolutamente todo: talleres, baños, cociña e mesmo fregar os cacharros. -¿Xa tiña nocións de cociña? -(Risas) A cociña non é unha descoñecida para mín, traballei algo en hostalaría. O que che podo decir é que a carne e os chourizos de Lalín son ben coñecidos en Glogauer xa que de iso nos encargamos Álvaro Negro que xa está tamén en Berlín e contamos coa axuda de Antón Lamazares que está moi preto de nós, o seu taller está a só cen metros da escola. Entre os tres dámoslle todo o pulo que podemos a Lalín e ao noso, claro. -Falamos entón dun enriquecemento en moitos sentidos... -Berlín enriquécete en moitos eidos, non só no artístico tamén no culinario por pór un exemplo. -¿Como se está a desenrolar o seu proxecto? -Vai ben. A idea do proxecto que presentei é xogar coa imaxe como icono dos medios e niso estou. Adícome a arrancar grandes carteis, por certo que me axudan os compañeiros, e logo traballo sobre eles. Xa teño algún de Demi Moore e de Ángela Merkl. -Unha vez remate a etapa formativa, ¿haberá exposicións das obras feitas? -Espero poder facelas. Quero expoñer todo. Mesmo estou barallando a posibilidade de facelo nalgún sitio en Berlín e en Lalín, ou noutra parte de Galicia. -Está aproveitando a bolsa formativa... -Moito. Ogallá que o Concello convoque outras becas iguais xa que é unha experiencia que che permite abrirte ao mundo.