Carrillo

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

02 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECE QUE se puxo de moda desenterrar o pasado. Vólvese a levar o asunto dos bos e dos malos. Nunca souben moi ben por qué ata un período tan cercano coma a década dos 70 do pasado século a intelectualidade progre condenaba todo o referente ós réximes franquista, fascista e nazi, e non obstante seguía vendo con bos ollos os réximes de Lenin e Stalin, Mao ou Pol Pot, cando desde Khrushchev se sabía das atrocidade que se levaban cometido na extinta U.R.S.S. (por se alguén aínda non se enterou, torturáranse e asasináranse aproximadamente o dobre de persoas que cos nazis). A historia non se borra dunha plumada. Se Franco foi un cancro para España polo outro bando (a excepción honrosa dun escaso número de políticos, quizais o máis representativo dos cales sería Julián Besteiro) tampouco as cousas tiñan traza de ser mellores. As atrocidades nas chekas de Madrid co consentemento do goberno lexítimo (as autoridades do Frente Popular que, lembremos, estaba formado por PSOE, I.R., Unión Republicana, UGT, Juventudes Socialistas, P.C.E., POUM e CNT-FAI) non foron moco de pavo, e as «sacas» de presos dos cárceres de Porlier, Modelo, San Antón ou Ventas para fusilar en Paracuellos del Járama ata unhas cinco mil persoas foron constantes. Os custodios e asasinos dos reclusos non eran outros que membros das «Milicias de Vigilancia de la Retaguardia» situadas baixo o control comunista do consello da «Dirección de Seguridad», o «Delegado de Orden Público» e o seu xefe, o «Consejero de Orden Público», o ilustre don Santiago Carrillo. Quen condena os desalmados comportamentos de Fanjul ou Queipo de Llano nas retagardas non pode aprobar ou ladear as igualmente inhumanas actitudes de Largo Caballero ou Carrillo. Trátase de humanidade, señores, non de ideoloxías máis ou menos caducas calquera das dúas agás pola pegada que aínda deixaron nalgúns extremos representantes a ámbolos dous lados. Parece, cando menos fora de ton, desenterrar agora os mortos despois dunha exemplar transición na que ata o propio Carrillo cedeu da súa parte para que todo fose feito en concordia. Hoxe estamos, nalgunhas cousas, máis atrás que o día 9 de abril de 1977. Rochi@forcarei.net