A Xuntanza Culé contará en Lalín con xogadores do «Dream Team»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

DENIS PAQUÍN

A peña azulgrana local acordouno coa Asociación de Veteranos do Barça O equipo catalán mediráse en xuño a varios ex futbolistas de elite de Galicia na reunión de siareiros

23 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

? Xuntanza de Peñas Barcelonistas de Galicia 2005 comeza a tomar forma. Nada máis coñecer a súa designación oficial como organizadora e anfitriona do evento, a peña local de Lalín púxose a traballar a reo no mes de setembro, e esta semana vén de recoller os primeiros froitos do seu esforzo. A falta tan só da rúbrica do contrato, os responsables dezaos chegaron a un acordo total coa Asociación de Veteranos do Fútbol Club Barcelona. E con el, aseguráronse a presencia de varios xogadores do mítico Dream Team que en 1992 gañou a Copa de Europa. Bakero, Julio Salinas, Goicoechea ou Milla son algúns dos nomes que poderían figurar na expedición de 22 futbolistas que viaxarán a Lalín o vindeiro mes de xuño en representación da Asociación de Veteranos. Tamén o de Luis Enrique podería aparecer, ao estar en trámites para a súa inclusión na sociedade deportiva. A intención da peña culé lalinense é que este equipo se mida o 12 de xuño a un combinado de ex xogadores de elite con residencia en Galicia. Con este fin, comezouse a negociar con xente como o antigo compostelanista Passi, o celeste Vlado Gudelj ou varios integrantes do C.D. Lalín que a finais dos 80 e inicios dos 90 militou na Segunda B, caso de Román, Luis César ou Pibe. Ademais, a peña culé da capital dezá segue negociando coa intención de confirmar a presencia do presidente do F.C. Barcelona, Joan Laporta, na que será a XV Xuntanza de Peñas Barcelonistas de Galicia.