Adrián Marrube, coordinador de canteira da SD Burela: «Traballo polo club, os rapaces e o bo rollo que hai na directiva»
DEPORTES
Dirixe desde o verán do 2024, con «dúas horas de dedicación diaria de luns a domingo», unha escola de fútbol da Marosa con preto de 200 promesas e 12 equipos
07 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A canteira do fútbol na Marosa vive un momento moi doce. Coa Sociedad Deportiva Burela festexando o seu 60 aniversario como equipo de Preferente grazas a unha ampla base local, 193 rapaces e rapazas distribuídos en 12 conxuntos desde a división biberón á xuvenil aseguran o relevo. «Os xuvenís proxectan moi ben e, aínda que no primeiro equipo hai 24 fichas, moitos xa adestran con eles e pronto van dar un moi bo relevo», destaca Adrián Marrube Geada (Burela, 1990), o coordinador dunha base na que os infantís veñen de impulsarse á liga autonómica e que reforza o seu vínculo coa SD Candelaria.
«Xa o ano pasado fixemos un acordo con eles para que fosen filial e puidésemos contar cos seus xogadores sub-23 e agora van ter por primeira vez un cadro xuvenil. Iso permitirá que, se o necesitan, poidan reforzar o sénior de Segunda Futgal», destaca sobre o convenio co club cervense.
«Temos 14 biberóns, 16 prebenxamíns, 29 benxamíns, 19 alevíns, 38 infantís, 38 cadetes e 39 xuvenís. Dous equipos por categoría, agás biberóns e prebenxamíns», afina. «Sempre dependes un pouco de como veña cada xeración. Hai un par de anos non puidemos ter cadetes, pero agora sería moi bonito ascender co xuvenil A a Preferente porque iso permitiría que o salto ao primeiro equipo fose máis natural», valora un Marrube que considera «un gran éxito» o ascenso dos infantís a Preferente o pasado verán. «Vai ser complicado, pero oxalá logremos manternos nesa liga galega», comenta tras un curso especialmente alegre na base mariñana, que tamén festexou as promocións á categoría autonómica do Lourenzá xuvenil e a SD Viveiro cadete.
Unha coidada filosofía
«En etapa escolar distribuímolos por anos e no fútbol-11 —desde infantís—, como a federación galega xa funciona por divisións, tratamos de facer dous equipos para competir o máximo posible e tratar de formalos», expresa un tamén directivo da SD Burela que prioriza o comportamento dos futbolistas aos resultados. «Sempre primamos a actitude do xogador, a destreza, a mellora... Sempre custa atopar adestradores, pero os que temos son moi bos e miman moito a canteira», conta un home que cumpre o seu terceiro ano no cargo de coordinador.
«Trato de poñer obxectivos a cada equipo, pero non en canto a resultados, senón de formación. Por exemplo, nos infantís pido que dominen o golpeo coas dúas pernas e xa fagan algún cambio de orientación», expresa un Adrián Marrube que se formou como futbolista na base burelense, cun breve paso polo Foz, e tamén defendeu as camisetas do Cervo-Sargadelos, Alfoz e Celta Barreiros.
Precisamente nese mesmo club barreirense afrontou o pasado curso un «bonito desafío» como adestrador en Segunda Futgal. «Cando me chamaron do Celta Barreiros fíxome moita ilusión. Fun moi contento e estiven moi a gusto os cinco meses que botei, pero a base require moito traballo e xa os avisara de que só ía poder adestrar dous días á semana», di o tamén adestrador do benxamín B da SD Burela.
XAIME RAMALLAL
Así se juega al fútbol en A Mariña
Los 15 entrenadores de los equipos de la comarca explican el método con el que tratarán de alcanzar el éxito esta temporada
«Cústame escoller se poño nunha balanza adestrar e coordinar. Hai días difíciles, oes de todo. Son case 200 nenos, multiplicado polos pais. Unhas veces tes que roer a lingua, outras veces tomas decisións que non gusta tomar... Eu son moi aberto a escoitar e que dean opinións», valora aínda así «feliz» coa función que desempeña.
«Cansa moito. Teño o meu traballo aparte, e adícolle practicamente dúas horas ao día de luns a venres, e non minto. Sempre hai que facer. Coordinas os horarios, a organización das viaxes, ver os adestramentos... Tamén pido aos adestradores que me pasen unha lista de asistencia aos adestramentos a final de mes para ter controlado cada caso. E as fins de semana xa si que estou a tope», confirma dunhas tarefas que fai por paixón polo fútbol e amizade.
«Algún día terei que parar, isto cansa moito, pero fágoo polo club, polos rapaces e polo bo rollo que temos na directiva», expresa Marrube. «Levo ligado á SD Burela desde o 2018. Empecei como delegado, despois saquei os cursos de adestrador, teño UEFA B e UEFA A, e cando parou Javi Ruiz, o presidente, Jairo Campo, pensou en min para coller a coordinación porque me organizo ben», rememora.
«Gustaríame sacar o título de coordinador e director deportivo. Apunteime, pero non se chegou ao mínimo de 15 inscritos, así que a ver se máis adiante podo», apunta o coordinador de base, tamén disposto a colaborar noutras causas, como no festival musical Osa do Mar organizado a pasada fin de semana pola asociación Fanto Fantini. «Agradezo o traballo dos meus compañeiros na directiva, Jairo, Simón, Diego, Manuel, Lorena, Yeray, Miguel e Pablo Vila, tamén o de Bene, Jaime Pérez e Iván Canoura na Candelaria», apunta o responsable dunha canteira verde cunha enorme proxección.