Ricardo Outeiro, campión de España máster en K1: «Hai algo no piragüismo que engancha»

DEPORTES

Ricardo Outeiro, nun adestramento na ría de Foz.
Ricardo Outeiro, nun adestramento na ría de Foz. XAIME RAMALLAL

Aos 57 anos, o palista focense lamenta a falta de axudas que o afasta do Mundial de Arxentina: «Sentíame máis forte ca nunca para atacar o ouro, o título que me falta»

17 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A xenial carreira deportiva de Xosé Ricardo Outeiro López (Foz, 1968) vén de vivir un dos seus episodios máis especiais. No Descenso Internacional do Sella rescatou a súa conexión cun vello amigo para acadar un dos podios máis desexados no piragüismo e dos poucos que se lle resistían. «Remamos xuntos hai 32 anos, pero el ten a súa vida en Madrid e compite alí cun club madrileño. Por circunstancias, deuse e afrontaremos xuntos as probas ata final de tempada. Fomos varias veces ao Sella, aínda que agora non ía desde antes da pandemia, e é bonito conseguir ese podio cun tan bo amigo», concreta do terceiro posto na división máster 50-60 no K2 xunto a Luis Miguel Vicente Mosquera.

«O Sella é unha lotaría. Excepto os cabezas de serie, o resto saímos en pelotón. Cunha participación tan masiva e sen ser cabezas de serie, saímos ao redor do posto 700, case á cola, e iso supón enfrontar un gran tapón. Na saída perdemos uns seis minutos, pero desde o quilómetro catro baixamos bastante ben, a un ritmo forte e chegamos terceiros, a dous minutos da cabeza. É un río complexo, no que non tes referencias porque non ves a quen levas diante, así que ata que non cruzas a meta non sabes realmente o posto que ocupas», repasa sobre a maxia da cita asturiana un referente que apura as súas últimas pazadas no Club Kayak Foz.

«Cada ano digo que ao seguinte paro. Os esforzos son moitos. Adestro unha media de dúas horas diarias que hai que compaxinar co traballo, coa familia... Pero tamén me motiva o seu apoio, animar a meu fillo a facer deporte, o que sexa, e os bos resultados chegan. É duro, pero moi bonito, o piragüismo ten algo que engancha», resume un empregado público que reside en Lugo e traballa en Santiago tras unha longa traxectoria forzada desde o Club Náutico de Foz, «cuxas seccións de piraugas e bateis por desgraza desapareceron», e pasando polo Club Kayak Foz, CD San Ciprián, Altruán Ribadeo, CP Viveiro e Fluvial de Lugo.

«Tiven boas etapas. Desde rapaz ata comezar a universidade, que me desvinculei un pouco, nunca de todo, e con 30 e poucos anos, reencontrei xente da época e volveu apetecerme. Pouco a pouco, adestrando, foron saíndo resultados», explica Ricardo Outeiro, que sinala varias éxitos inesquecibles. «O ano pasado no Mundial de Hungría fun terceiro en K1; o anterior, segundo en K1 en Croacia; e o ano pasado gañei o Campionato de Europa en K1. Pero este podio no Sella tamén me fixo moita ilusión, pola competición que é e por poder compartilo cun compañeiro como Luismi», destaca.

O seu gran soño é acadar un ouro nun Mundial, algo que non poderá pelexar este ano polos custos que suporía desprazarse en outubro ao campionato en Arxentina: «Os que somos veteranos temos que financiarnos todo, non temos ningunha axuda da federación e, aparte do custo da viaxe, a loxística é complicada. Mandar a piragua para alá supón moito economicamente, hai un risco de que non chegue ou chegue en malas condicións... Se a alugas alí pódeste levar sorpresas. Ao final descarteino».

«Sentíame máis forte ca nunca para atacar o ouro, o título que me falta», confesa tras unha campaña «redonda». «Fun campión de España de medio fondo en Sevilla en marzo, tamén de maratón en Zamora en maio, e despois gañei tódolos campionatos galegos». 

Coa vista no 2027

Unhas viaxes mais accesibles no 2027 anímano a seguir en liza polo menos un curso máis: «Temos probas moi chulas e non tan lonxe como Arxentina. O Mundial será en Dinamarca, o Europeo en Portugal».

Co seu compañeiro e amigo Luismi Vicente.
Co seu compañeiro e amigo Luismi Vicente. Xaime Ramallal

«Agora mesmo, diría que cambio o terceiro no Sella por gañar a Travesía Ría de Foz»

Ricardo Outeiro enfoca a súa fame competitiva agora na LXIV Travesía Ría de Foz. «O máis inmediato é a Travesía Ría de Foz. É a nosa e queremos facelo ben. Agora mesmo, diría que cambio o terceiro no Sella por gañar a Travesía. Pero vai estar moi difícil, sabemos que polo menos van vir dúas parellas moi duras», valora un deportista que compartirá K2 con Luismi Vicente o día 23, igual que no resto de competicións previstas no 2026.

«Iremos o 5 de setembro ao Campionato de España de travesías, no embalse de Cazalegas, en Toledo, e seguramente en novembro á Grande Maratona Ría Aveiro. É un maratón de cen quilómetros con tres etapas en dous días que o ano pasado fun terceiro en K4 e este ano queremos facela os dous», precisa dende un barco que serve como exemplo de éxito e compromiso para as novas xeracións.

«A miña teima é que veñan máis nenos. Aínda que economicamente non teñamos o respaldo doutros deportes, o piragüismo en Galicia é o deporte rei, o que máis medallas nos deu. Ultimamente en Foz saíu xente como Xoel García ou Iago García, aínda que agora no Kayak esteamos pasando unha etapa un pouco máis baixa», reflexiona.

«Manter a ilusión, ter un bo grupo de adestramento, uns sempre tiran por outros, e que a familia te apoie», é a receita de Ricardo Outeiro para manterse en plena forma e seguir coleccionando podios enriba dun kaiak a punto de cumprir 58 anos no próximo decembro.