De la Fuente e Castillo gañan o título galego de 10K en Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

David de la Fuente (dorsal número 317) e Denis Incutti (104), na liña de saída da Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía-Campionato Xunta de Galicia 10K momentos antes de arrincar a proba.
David de la Fuente (dorsal número 317) e Denis Incutti (104), na liña de saída da Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía-Campionato Xunta de Galicia 10K momentos antes de arrincar a proba. SERGIO SUEIRO

Os campións entraron en meta con tempo para celebralo

02 ago 2026 . Actualizado a las 18:49 h.

O trazado urbano de Vilagarcía de Arousa deseñado pola Fundación de Deportes da localidade baixo a supervisión da Federación Galega de Atletismo regalou a primeira hora da noite do sábado unha oportunidade única para que o público gozase a pé de rúa da pelexa polos títulos masculino e feminino de mellor atleta galego sobre 10.000 metros en ruta. O marinense David de la Fuente Gómez, do Facsa Playas de Castellón, e a canguesa Sara Castillo Oñate, deportista do Atlético Femenino Celta, coroáronse coma novos reis da distancia, entrando na liña de meta —tamén de saída— fixada na céntrica avenida da Mariña con tempo para celebrar cadanseu éxito.

Menos de media hora empregou De la Fuente para ser o primeiro de entre os 604 atletas que tomaron a saída en poder completar os 10.000 metros da que era tamén a Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía. Tras cubrir boa parte do trazado á par de Denis Incutti Tellado (CD Delikia), do cambadés Amadeo Abal Chaves (CD Surco Lucena) e do corredor da Illa de Arousa Pablo Otero Fariña (Bikila), o de Marín probouse o máis forte chegando en 29 minutos e 44 segundos, 11 segundos menos ca Iutti (29.55); Abal (30.06) e Otero (30.46) foron terceiro e cuarto, xa sen conseguir baixar da media hora.

Sara Castillo Oñate gañou en 35 minutos e 55 segundos. Como De la Fuente, compartindo percorrido coas súas despois compañeiras de podio boa parte da carreira polo casco urbano vilagarcián. Pero nin a ferrolá Lucía Sicre Maside (Ría de Ferrol), nin Sara López López (ADAS Cupa) deron aguantado o ritmo de Castillo no treito decisivo, no que os mellores marcan as diferenzas, entrando segunda e terceira en 36.13 e en 36.52, respectivamente.

Con probas e distancias diferentes para os atletas menores de idade, os sub-16 e os sub-18 compartiron saída e esixencia antes da disputa da proba raíña da Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía. O poiense Diego Daporta Vélez, da Sociedade Gimnástica Pontevedra, e a pontevedresa Laura Porto Patiño, do Atletismo Rías Baixas, gañaron a carreira sobre 1.800 metros, en 5 minutos e 35 segundos el e en 6.04 ela, sendo os vencedores do podio sub-18. Xusto por detrás deles entraron os campións sub-16, Brais Rey Neira, do Club Atletismo A Estrada, cun crono de 5.37, e Judit Barros Campos, do Atletismo +9 Moraña, cruzando a meta en 6.42.