Mecos, mocidade e veteranía para seguir mirando cara arriba

Josema Loureiro
JOSEMA LOUREIRO REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

A tripulación da Mequiña, despois da Bandeira Concello de Bueu.
A tripulación da Mequiña, despois da Bandeira Concello de Bueu. LIGA LGT

O club grovense, cuarto da Liga LGT A, confirma o seu bo inicio antes de acoller este sábado a XV Bandeira Virxe do Carme

17 jul 2026 . Actualizado a las 18:50 h.

Mecos compite este sábado na casa nun momento de crecemento. O club grovense acolle (16.15 horas) a XV Bandeira Virxe do Carme despois de situarse na cuarta posición da Liga Galega de Traiñeiras A, cun terceiro posto e tres cuartos nas catro regatas disputadas. A regularidade permitiulle asentarse na primeira quenda e responder ás expectativas coas que comezou a temporada.

«Sempre hai que contar co resto dos equipos, pero a nosa intención era estar aí na primeira tanda pelexando o máximo posible. Vese que os resultados se están dando porque aí estamos», valora a presidenta do Club Remo Mecos, Vanesa Fernández. O rendemento da traiñeira permitiulle competir desde o inicio con algúns dos adversarios que xa aparecían entre os candidatos durante o inverno.

«Contabamos con equipos que xa agardabamos polo que se viu, como podía ser Cabo polo seu descenso, Tirán ou Samertolameu, que tamén viamos que estaba facendo un bo proxecto», explica Fernández. Mecos, porén, non establece límites no plano deportivo. «O noso obxectivo sempre é aspirar ao máximo, non cabe dúbida», afirma a presidenta.

A confección da tripulación foi unha das principais dificultades antes de chegar a este prometedor inicio. O club viña «dun ano moi difícil» e afrontou, ademais, un cambio no banco coa chegada de Toni Montenegro. «Apostamos por el, os resultados son moi bos e deportivamente está cumprindo ao cen por cen», destaca Fernández.

O traballo diario tamén está condicionado polos horarios laborais dos remeiros. Uns traballan en quenda de mañá e outros pola tarde, o que dificulta reunir o grupo e obriga a introducir rotacións. A esa realidade engádese unha tripulación renovada: «Temos moitos rapaces novos e xente que levaba anos sen remar e que volveu ao club. Ao final tes que conxugar a mocidade coa veteranía, e o tema está saíndo bastante ben».

A ambición deportiva, con todo, choca coas limitacións estruturais. A posibilidade de dar no futuro o salto á ACT dependería de apoios que Mecos non ten na actualidade. «Meterte nunha liga como a Eusko Label é moi complicado sen os apoios de administracións e patrocinadores. Niso estamos bastante freados», admite Fernández.

Antes de mirar máis alá, Mecos afronta unha das citas máis especiais do calendario. «Remar na casa sempre é un plus. Cada remeiro ten alí a súa xente e remar polo pobo sempre é moito máis significativo e ilusionante», conclúe a presidenta.

Un campo de regatas moi aberto

A bandeira disputarase nun escenario coñecido por Mecos e valorado dentro do club polas condicións que ofrece ás diferentes tripulacións. «É un moi bo campo de regatas. Quizais repita o que din todos sobre o seu propio campo, pero, cando estivemos na ACT, este era o campo onde remaban», explica a presidenta da entidade, Vanesa Fernández.

A principal particularidade do trazado é a súa localización en mar aberto, unha característica que lle engade atractivo á proba e que, segundo Fernández, «lles gusta moito aos remeiros». A exposición ao mar non impide que o campo manteña unhas condicións equilibradas para os participantes.

«En canto a ventos ou mareas é bastante igualitario», salienta a presidenta. As posibles variacións meteorolóxicas forman parte da competición, pero non adoitan beneficiar de maneira clara unhas rúas fronte a outras. «Se se levanta vento pásache en calquera campo de regatas, pero este non é un campo onde che sopre de máis nun carreiro que noutro», apunta.

Esa igualdade permitirá que o resultado dependa principalmente do rendemento das traiñeiras. «Dá igual ir polo dous, polo catro ou polo cinco», resume Fernández antes dunha bandeira na que Mecos agarda aproveitar tamén o impulso de competir ante a súa xente.