Raquel Carrera, do patio das Josefinas á conquista de Nova York
DEPORTES
Semella que foi onte cando Raquel Carrera Quintana xogaba unha pachanga no recreo das Josefinas ou adestraba co equipo colexial de minibásquet ao caer a tarde. Hai apenas unha década, aquela alumna extrovertida que contaxiaba ledicia xa deixaba entrever que o seu destino estaba escrito nunha cancha de baloncesto. Porén, o talento por inmenso que sexa non camiña en solitario.
Desde os seus inicios na base das Josefinas e o Pabellón —club que este ano celebra o 25.º aniversario do seu histórico ascenso á Liga Femenina 2—, Raquel fixo gala dunha madurez pouco común: tivo a paciencia necesaria para non queimar etapas prematuramente e a intelixencia de agardar o momento preciso para cada oportunidade.
A súa familia, nun xesto de absoluta xenerosidade, abriulle as portas do fogar para que puidese marchar na procura dun soño. No Celta atopou o impulso que Ourense xa non lle podía ofrecer a unha adolescente que rebordaba potencial, e foi entón cando apareceu o Valencia Basket. O clube taronxa fixo unha aposta valente por unha Raquel que aínda era menor de idade, e ela non defraudou. Con Valencia Basket, que segue o ronsel do Ros Casares, foi unha peza clave na obtención dos dez títulos do clube valenciano. Ata a recente elección da súa compañeira de equipo Awa Fam, Raquel ostentou a honra de ser a española mellor posicionada na historia do draft. Agora, as New York Liberty, campioas da WNBA no 2024 e cun equipo ateigado de estrelas, apostan por ela cun contrato de training camp. É a confirmación dunha xogadora chamada a marcar unha época.
O seu ascenso, porén, non foi un camiño de rosas. Dúas graves lesións de xeonllo forxaron nela unha fortaleza mental de aceiro. Raquel é o vivo exemplo de que o éxito require talento, pero sobre todo un enorme esforzo, afán de superación e saber rodearse dunha contorna capaz de puír o diamante. Di o refrán que para educar (adestrar) a unha nena fai falta «toda a tribo», e Raquel, sen dúbida, tivo unha boa «tribo». Soubo agardar o seu momento, e ese momento é agora. Desde aquel patio das Josefinas que viu as súas primeiras canastras, seguiremos a aplaudir cada éxito que, de seguro, chegará desde «a cidade que nunca dorme».