Julio César Castro, adestrador da SD Burela: «Creo que imos gañar en Betanzos, sinceramente»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE BURELA / LA VOZ

DEPORTES

Julio César Castro, durante o partido do seu debut, no que gañaron 2-1 ao Miño na Marosa.
Julio César Castro, durante o partido do seu debut, no que gañaron 2-1 ao Miño na Marosa. PEPA LOSADA

A derrota ante o colista non desanima a un técnico que afronta o parón da Preferente «seguro» de que evitarán o descenso nas seis últimas xornadas: «Se facemos as cousas ben, somos capaces de gañarlle a calquera»

31 mar 2026 . Actualizado a las 19:04 h.

Superado 0-2 na Marosa polo Cultural Maniños, un pechacancelas practicamente condenado ao descenso, o obxectivo da SD Burela de manterse en Preferente adquire grao de epopea. Tras unha semana sen competición, cruzarase con cinco dos seis primeiros clasificados —Betanzos, Negreira, Lalín, Sofán e Ordes— obrigado a sacar un bo botín para chegar vivo a unha xornada final na que recibe a un Cidade de Ribeira que agora o supera en dous puntos. Tras só tres partidos no cargo, Julio César Castro Rodríguez (La Bañeza, León, 1977) manda unha mensaxe optimista: «Se facemos as cousas ben, somos capaces de gañarlle a calquera equipo».

—Canto lles afectou a derrota na casa contra o pechacancelas?

—Cando estás abaixo, toca saír a gañar en tódolos partidos. Non considero que non gañar ao Maniños sexa unha debacle, igual que creo que imos gañar en Betanzos, sinceramente. Senta mal porque é unha derrota, non porque sexa contra o Maniños. Quedan seis partidos agora e cada un no que non se puntúe é un pasiño atrás. Entendo que, de cara á afección ou a opinión pública, pesa perder contra o último, pero no vestiario aféctanos o mesmo que se perdéramos contra outro equipo. Doe moito, pero o mesmo que me doeu non sacar puntos na visita ao Puebla, que creo que tiñamos capacidade para sacalos.

—Pero puido pesarlles a presión do partido?

—Penso que a nivel mental nos últimos 15 minutos caemos nunha desorde importante. Ata entón non concederamos nada en defensa e xeraramos moitas opcións de ataque. Non se traduciron, quizais, en grandes ocasións, pero chegamos moito. Transitamos moi rápido cada vez que tivemos o balón, fomos verticais, que é algo no que insistín moito desde que cheguei, pero puxémonos con 0-0 no 80 e non fomos capaces de ser pragmáticos para sumar. Quedamos descolgados, facilitamos transicións e iso condenounos a conceder ese penalti e o segundo gol.

—Preocúpalle a falta de goles?

—Nós no que estamos traballando é en tratar de xerar máis opcións de gol. Está claro que temos falta de gol, pero moito problema vén de que non acabamos de xerar opcións de ataque. O outro día xerámolas, pero pagamos un pouco o ter que gañar si ou si, tomamos malas decisións no último terzo. Gañamos liña de fondo infinidade de veces, dobramos laterais, chegamos por dentro, pero sempre nos faltou algo arriba. Cando tes moito gol, chegar cinco veces pode darche para meter tres; nós necesitamos xerar moito máis, e nese camiño estivemos o domingo.

Hai apenas tres semanas que está á fronte do equipo. Venlles ben este parón da liga?

—Co tempo que queda, non podemos dar pasiños, teñen que ser zancadas. Nalgúns aspectos estámolas dando. O outro día o equipo foi moi serio en defensa durante 80 minutos e tamén estamos mellorando nas chegadas. Estamos facendo transicións máis rápidas, sendo máis verticais, non facendo reinicios, non dando pases cara atrás e, cando os damos, inmediatamente é para romper unha liña de presión. Agora fáltanos mellorar moito neses aprietes, na presión. Son tres cousiñas, pero en tres semanas, cun partido de Copa Deputación o pasado mércores que nos condicionou a carga de traballo, é un máster acelerado. Este parón vennos de marabilla. Aínda nos viría mellor se tivésemos gañado, que estaríamos fóra do descenso, pero poderemos traballar estes días sen mirar a clasificación, centrándonos só en mellorar os aspectos que queremos mellorar con dúas sesións de adestramento e un partido amigable o domingo na Marosa contra o Catro Roldas

—Nas seis últimas xornadas mediranse a cinco equipos dos seis primeiros. Non parece un escenario moi alentador.

—Non me preocupa. A min motívame e ao equipo vaille vir ben, estou seguro de que a falta de concentración dos últimos minutos contra o líder non se tería dado, valoraríamos máis o punto, protexeríamolo mellor e iso achégate máis á vitoria. A nivel mental de traballo, de xuntarnos e ser comprometidos 90 minutos, vennos ben xogar contra ese tipo de rivais. A miña obriga como adestrador é transmitirlle aos xogadores a ilusión de enfrontarnos a eses equipos, non ir cun pensamento derrotista. Se durante os 90, 95 ou 100 minutos que dura un partido facemos as cousas ben, o Burela é capaz de gañarlle a calquera equipo. Imos moi xustos para gañar a calquera, pero con seriedade, sacrificio e tendo as cousas clariñas, non teño medo ao líder nin a ningún dos cinco primeiros.

—Como avanzan os xogadores lesionados?

—Adrián (Kun) aínda non recupera. Xoel Ferro tiña un golpe no empeine e espero que volva xa. Despois Hugo Rodríguez foi substituído tamén... Agardo que os que teñen molestias poidan adestrar ben estes días e cheguemos a tope a Betanzos.