Cris Blanco, xogadora do Reyco Burela FS, en semana de Supercopa: «Non podemos saír xogar con medo»

DEPORTES

<span lang= gl >Cris Blanco, unha das capitás laranxas, loce o brazalete no Vista Alegre.</span>
Cris Blanco, unha das capitás laranxas, loce o brazalete no Vista Alegre. XAIME RAMALLAL

Supercampioa no 2024, albisca a oportunidade de medrar en Tenerife: «Se xogamos como un equipo, unidas, volveremos reforzadas para a liga»

27 ene 2026 . Actualizado a las 20:21 h.

Tras gañar o título en seis ocasións, o Reyco Burela FS asumirá esta vez o rol de vítima na Supercopa de Adeje (Tenerife). Presente no último éxito laranxa na competición, unha das capitás e das xogadoras de maior confianza para Belén Feal, Cristina Blanco Basanta (Burela, 2001) anima ás súas mozas compañeiras para espremer a aprendizaxe dun certame que só viven desde dentro unhas poucas afortunadas. «Se xogamos como un equipo, unidas, volveremos reforzadas para a liga», afirma a peche dunha semifinal contra o todopoderoso Torreblanca Melilla (sábado, 14.30 horas. RTVE Play) na que, por enriba do resultado, quere sentar as bases cara unha permanencia cada vez máis custosa na Primeira Iberdrola de fútbol sala.

—Como están os ánimos do vestiario tras os últimos resultados?

—Estamos un pouco de baixón, un pouco frustradas por ver que non conseguimos puntuar e nos imos descolgando. Aféctasnos, evidentemente, pero o obxectivo segue sendo claro, seguimos pensando que o podemos acadar, e tratamos de mirar para adiante, centrarnos nos partidos que veñen e tratar de puntuar o antes posible.

—Ata o parón polo Mundial, o equipo viña progresando e entrara nunha boa dinámica. Que cambiou dende entón?

—Afectounos bastante parar de competir cando por fin conseguíramos o ritmo que nos faltaba ao comezo da tempada, cun equipo tan novo e con pouca experiencia. Pasar tanto tempo sen competir prexudicounos, e logo non estivemos ben nalgúns partidos nos que pensabamos que podíamos puntuar e tamén nos pesou mentalmente. Levamos dous meses con moitos altibaixos, con varios partidos nada acertados e outros, como os do Poio e o Castro, nos que si competimos moi ben e estivemos á altura pese a ser rivais moi fortes.

—Chegaron dúas fichaxes. Co que hai séntense capaces de recurtar os sete puntos que as separan da permanencia?

—Eu creo que si. Seguir enganchadas e lograr o obxectivo pasa por crer que o podemos facer, que é posible e que coas novas fichaxes máis as que éramos nos pode chegar. Todas temos que aportar o máximo de nós e con iso tirar para adiante.

—É semana de Supercopa. Ilusiónaas?

—É unha semana bonita. A maior parte do equipo nunca xogou unha Supercopa e vivir ese ambiente ilusiona. Eu tiven a sorte de estar nunha, gañámola, pero esta vez todo é moi distinto. Entón eu viaxara, pero non contara con minutos; agora teño outro rol. Temos ganas, fainos ilusión, pero tamén sabemos os tremendos rivais que imos atopar alí e que o noso obxectivo principal segue sendo a liga. Esta semana é para desfrutar, competir o mellor que poidamos, dar a cara diante do Melilla, soñar incluso con dar unha sorpresa, pero o noso obxectivo principal é lograr a salvación en Primeira.

—Desde a súa experiencia como campioa naquela Supercopa do 2024 en Torremolinos, que consello dá ás súas compañeiras?

—Que desfruten e valoren o que van vivir. Non calquera pode xogar unha Supercopa, é unha experiencia moi bonita, así que deben pensar en dar o máximo de si mesmas, ofrecer unha boa imaxe e volver orgullosas a Burela.

—Entón tiña un rol secundario e agora é a xogadora con máis minutos do equipo. É maior o salto físico, técnico ou mental?

—Ter estado hai dous anos na dinámica do primeiro equipo fai que note un pouco menos o cambio a nivel de ritmo e técnica. Si é certo que, ao ter tantos minutos, a esixencia é maior porque sempre teño que estar ao 100 % e implicarme en axudar ás miñas compañeiras na súa adaptación.

—E que tal convive con esa responsabilidade?

—Síntome superorgullosa de xogar no equipo da miña vida, no equipo da miña vila, en Primeira e co rol que teño. É complicado convivir con esta situación, cos resultados, pero estou moi contenta, orgullosa, e o meu obxectivo é demostrar que quero estar aquí, que valoro moitísimo estar aquí e agradezo a confianza que me dan sempre. Ademais, saber que podo axudar ás miñas compañeiras é un plus de enerxía para tirar para adiante sempre.

—Atragantánselle os goles, polo momento. É algo no que pensa?

—Si que é algo co que bromeo moito cos meus amigos e coa familia, pero son unha xogadora que prefire defender e dar saída de balón. Evidentemente, gustaríame marcar moitos goles, como a calquera, pero estou feliz co meu rol e céntrome en cumprir co que me piden.

—Enfróntanse ao gran favorito. Como afrontan o partido co Torreblanca Melilla?

—Sabemos que é un partido moi duro. Comezamos a liga contra elas, saímos a competir o partido e mostraron unha superioridade moi grande. Sabemos que é moi difícil, pero temos que velas como un equipo máis, saír a competirlles sen virnos abaixo, non podemos saír xogar con medo nin dando por perdido todo. A mentalidade que levamos é que os partidos hai que xogalos, así que queremos competilo, dar a cara e que pase o que teña que pasar.

—Con que resultado sairían reforzadas desta Supercopa?

—Dar a cara, competir, non vernos excesivamente inferiores, ver unha unión de grupo, xogar como equipo, vainos reforzar á larga para afrontar a liga. Temos que buscar ese impulso anímico e de grupo.

—E fisicamente, como chegan?

—Hai algunha xogadora con molestias. Eu mesmo arrastro problemas nun xeonllo desde hai tempo. No parón manqueime nun mal xesto durante un amigable, pero, coa importancia que lle dou a isto e as ganas e ilusión que teño, non me está limitando demasiado á hora de xogar. Todas estamos dispostas para xogar, dar a cara e aproveitar os minutos que teñamos. Temos unha semana por diante para traballar e dar o mellor de nós mesmas.