
«Moito que contar» é o primeiro libro do xornalista Moncho Viña, onde se recolle a historia e intrahistoria do Dépor
28 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Moncho Viña (A Laracha, 1955) exerceu o xornalismo deportivo durante gran parte da súa carreira profesional. Agora, lanzouse ao mundo literario contando historias e anécdotas dunha das súas grandes paixóns: o RC Deportivo da Coruña, equipo ao que dedica o seu primeiro libro. Xunto á colaboración de Alfonso Hermida, Adrián Viña Menéndez e Henrique Rabuñal, Moncho creou un anecdotario de 120 historias sobre o equipo coruñés, algunhas coñecidas pero moitas delas son novas para todos.
—O libro recolle unha gran cantidade de anécdotas branquiazuis, que lle inspirou a reunir todas esas historias?
—O que me inspirou a reunilas foi o tempo que levo na profesión e que practicamente as vivín todas. Son historias que non me contaron, que eu vivín. Eu nun principio o que quería era que esas historias non se perdesen, que todo ese material non quedase no esquecemento.
—O seu título é «Moito que contar», emulando a famosa frase de Arsenio. Usala como título xurdiu de maneira espontánea mentres escribía ou o tiña claro?
—Isto vén da rolda de prensa de Arsenio Iglesias despois do penalti fallido de Djukic, aquela rolda de prensa mítica. A frase era «moito que dicir, pouco que contar»; eu deille unha volta. Efectivamente o título é intencionado, porque moitas das historias que contamos, ou algunhas delas, son historias de Arsenio. Eu tíñalle un cariño especialísimo, eramos moi amigos, de vernos todas as semanas. Foi con moita intención, esas historias de Arsenio son unha parte do libro fundamental.
—Nos agradecementos menciona á familia de Arsenio Iglesias, a quen dedica as primeiras follas e gran parte do libro. Sente especial admiración por el? Como lle axudou a súa figura no persoal e no deportivo?
—Eu conto no libro que Arsenio axudoume en todo, tanto a aprender e crecer desde o punto de vista xornalístico como desde o punto de vista persoal. Eu a Arsenio coñézoo practicamente desde que iniciei o meu camiño profesional no xornalismo. Sempre tivemos moi boa relación, o que pasa é que durante moito tempo esa relación non podía ser completa por un motivo: el dedicábase a ser adestrador e eu, xornalista; entón estabamos case no mesmo oficio pero facendo cousas diferentes. Despois, si que empezamos a ter relación máis a diario, viámonos practicamente todas as semanas. En que me axudou Arsenio? Diríache que en todo. Eu, de todos os xeitos, teño que dicir dúas cousas. Unha é que nas historias a maioría das fontes son coñecidas, son sobre 140 e 150 fotos, imaxes prestadas pola familia de Arsenio, a familia de Amancio Amaro, por outras persoas e grupos, como La Voz de Galicia, que nos axudou moito. Outra cousa para aclarar é que as historias son miñas e eu escribinas. Ter historias non significa ter un libro. Eu creo que desde o punto de vista lingüístico e literario está moi coidado. Aí a importancia dos que colaboraron é clave, igual que da configuración de datos e outras cousas. Por tanto, veñen aí reflectidos. Este libro non é só meu. É meu nun 25%, o outro 75% son eles tres.
—Sobre o proceso de escritura do libro, houbo algunha etapa sobre a que lle custase máis escribir?
—Non, porque estas historias estaban pasadas a papel desde fai moito, porque non quería que se perdesen. Tiven moitísimas reunións, moito tempo e mirar que todo estivese perfecto desde o punto de vista lingüístico. Reler unha e outra vez e comprobar os datos, porque unha cousa é ter os datos na memoria como eu tiña e outra é comprobalo plenamente. Iso se que nos levo tempo. É un proceso que nos levou moito tempo, pero tamén é un proceso que gocei. Gocei lembrando as historias e, posiblemente, escribíndoas naquel tempo. Foi un proceso moi agradecido.
—Creou unha conta de Twitter e Instagram onde foi publicando imaxes e momentos que aparecen no libro. Como foi esa recepción inicial do libro por parte da xente? É o que esperaba?
—Eso e unha parte que eu non controlo nada (risas), cóstame moito porque son outros tempos para min. Esa parte é mais de Alfonso, Adrián e Henrique, e creo que o resultado é boísimo porque fixeron unha moi boa exposición. Míroo e paréceme que está moi interesante, pero o meu descoñecemento é importante. O coñecemento que teñen eles (Alfonso, Adrián e Henrique) paréceme maravilloso e con bos resultados.
—A día de hoxe, moitos dos afeccionados do Dépor son xente moza e nenos que só viron ao equipo no seu peor momento. Que poden esperar eses mozos do libro? Buscou que fose unha forma de achegar a historia do equipo a esa mocidade?
—Aí tes razón, porque é unha cousa que as veces non nos paramos a pensar. Toda esa década prodixiosa do Deportivo, eses dez anos da Liga de Campeóns, o incluso os quince anos incluindo o Superdépor, parécenos que foi onte e hai moitísima xente agora mesmo que son moi deportivistas, teñen 20, 25 ou 30 anos, que non os viron, que o saben polo que lle contamos. Eso que dis ti é importante. Nós imos contar historias que posiblemente lle contaron os seus pais e os seus avós, e as relacionadas con esas. Temos como 120 historias, moitas delas descoñecidas ou novas.
—Ao longo do libro, hai varios apartados chamados «Xoias sen engarzar». En que se diferencian esas anécdotas? Por que quixo separalas?
—Porque son breves, son tactos directos. Igual non dan para un capítulo grande pero si para reflexar un ambiente ou unha situación particular. Son xoias que van esparcidas por todo o libro.
—Como influíron as súas experiencias co Deportivo e a radio na súa carreira profesional?
—En todo. Antes do Dépor aquí había pouca actividade, que ollo, cerca de aquí estaba o OAR Ferrol. É certo que aquí antes de que o Deportivo fose tan grande, o Liceo era grandísimo, iso é así. Entonces a min que me axudou a crecer? Todo. Nunca pensei vivir co Dépor todo o que se viviu. Tiven a sorte de vivir unha época histórica que é irrepetible, pero tamén é certo que viña de outros feitos de baloncesto e de hockey que tamén me axudaron moito profesionalmente.
—Por mor deste libro, gustaríalle seguir escribindo máis? Se é así, que temas gustaríalle tratar?
—Eu creo que este libro é importante para que estás historias non se perdan. Ahora xa non se van perder ao estar recollidas nun libro. Se hai moitas máis historias para seguir escribindo? Sí, sempre hai cosas novas que contar. Pero moito máis aló diso, eu tamén, se che digo que sí, é porque volvería a escribir con esta xente, porque aprendín moitísimo, disfrutei traballando en grupo. Traballamos moito, pero repetiría este libro e os que fosen.
«O xogador referencia do que ten que ser un profesional é Mauro Silva»
Moncho tivo a oportunidade de acompañar como xornalista ao seu equipo en grandes citas que marcaron a súa historia.
—Cal é o seu primeiro recordo co Dépor?
—O meu primeiro recordo de cando era pequeno, cando tiña catro ou cinco anos e escoitaba os partidos na radio. Ese é o meu primeiro recordo. Facíame moita gracia aquelas transmisións polo ritmo. Creo que o ambiente do fútbol, sen eu vivilo nunca, só escoitándoo, lémbroo toda a vida.
—E o momento que lembre con maior alegría?
—Nós vivimos cousas incribles co Dépor pero traballando, entón gózalo doutra forma. A nosa preocupación era que o equipo gañase, pero tamén que fixésemos ben o noso traballo. Falando do grupo, creo que fixemos un traballo excepcional. Reclamábase información desde Madrid e todos os sitios para que lles contásemos que estaba a suceder en Coruña. O Dépor fixo grandes cousas e o xornalismo coruñés contouno moi ben. Quizais gocei máis agora lembrando, porque daquela era unha profesión e víao doutra maneira.
—Tivo a oportunidade de viaxar en varias ocasións co Dépor, cal foi a viaxe máis especial que lembra?
—As do ano 2005. Fixen todos os partidos do Dépor na Liga de Campións. Fixésemos daqueles partidos de competición europea, tanto en casa como fora: Copa de Europa, UEFA… Recordos? Pois os que veñen no libro. O partido en Múnich contra o Bayern foi incrible pola vitoria (2-3) e as cousas que sucederon que conto eu. O libro non conta partidos, fichas técnicas ou entrevistas, fala de anécdotas que sucederon en partidos destacados. Lembro o de Amsterdam, o de París, o do Arsenal… o do Centenariazo foi máxico.
—Fala de moitos xogadores ao longo do libro, cal foi o seu xogador favorito da historia do equipo?
—O xogador referencia do que ten que ser un profesional é Mauro Silva. Aparte de ser un grandísimo xogador, era unha persoa que sabía o seu papel, o que tiña que facer en cada momento. Mauro Silva é a única persoa que coñezo que o fixo, era niso perfecto. Despois houbo moitos outros grandes xogadores no Deportivo, pero que fosen profesionalmente tan impecables, solo Mauro Silva.