Manu Ochoa, piragüista tomiñés: «Quédanme moitos deberes que facer de aquí aos Xogos Olímpicos»

M. V. F

DEPORTES

CEDIDA

O palista, que compatibiliza os adestramentos co traballo de psicólogo, non descarta a medalla, detalla a dinámica dunha proba moi nova

08 jul 2024 . Actualizado a las 15:39 h.

O piragüista Manu Ochoa (Tomiño, 1998) competirá nos Xogos Olímpicos de París na modalidade de kayak cros, que non chega aos dez anos de historia, pero que conseguiu facerse un oco. O tomiñés acadou a praza para España hai unhas semanas e, aínda que había outro candidato firme, nos últimos días confirmábase que o galego era o elixido.

—Como soubo que estará en París?

—Había moita incerteza, non sabíamos se sería David Llorente ou eu, xa que ambos tiñamos bos resultados. O mesmo día que se fixo público, chamáronme e foi unha alegría, unha gran felicidade e tamén pena polo meu compañeiro. Agora, hai moitos deberes que facer de aquí aos Xogos.

—Como viviu esa incerteza?

—Estaba nunha situación delicada, porque tiña uns resultados detrás que me avalaban, pero cunha competición por diante que podía ser decisiva. Houbo días máis e menos duros, pero a medida que se achegaba a Copa do Mundo de Praga, pensaba: «Deixémonos de parvadas e imos centrarnos na competición, que é o que importa». Como unha máis. Por sorte, puiden xestionala ben. Fun capaz de abstraerme e creo que foi unha ferramenta boísima para os Xogos, que non creo que sexan unha competición de pouca presión.

—E eses días entre que vostede clasifica ao barco e lle comunican que a praza é súa?

—Sabía que tiña posibilidades reais e que non eran baixas, pero tampouco podía dicir se máis ou menos, se moitas ou poucas. Non coñecemos o modo de clasificación específico para a praza e, polo tanto, non podíamos facer hipóteses. A miña posición era que ía dar o mellor de min e que decidise o equipo técnico, que son profesionais nestas áreas e tarefas e ían seleccionar a que considerasen a mellor opción.

—En que momento do ciclo olímpico comezou a pensar que tiña opcións reais?

—Hai anos que teño un bo desempeño no kayak cros e tamén no slálom. O primeiro paso foron as probas de selección de abril e aí non o fixen mal, pero tampouco me acheguei ao meu potencial e foi unha oportunidade perdida. Logo, tiña entre cella e cella a Copa do Mundo de Praga, sabendo que había un período preparatorio e que íamos a por todo, que tiñamos nivel e potencial. Traballamos moito, chegamos sabendo que podía pasar calquera cousa, pero que eramos totalmente capaces ambos de sacar a praza e de ser seleccionados.

—O kayak cros é unha modalidade relativamente nova, como explica en que consiste?

—A grandes trazos, consiste en que catro palistas saltan dunha rampla a un tempo e teñen que sortea unha serie de obstáculos. Só hai penalizacións por saltar unha porta, pero non por tocala, e desde xeito, axilízase e facilítase de cara ao público e ao exterior, resulta máis atractiva. Hai un compoñente estratéxico e de habilidade alto, tes que plantear ben cada circuíto para tratar de adiantar e non ser adiantado de cara a entrar entre os dous primeiros, que son os que pasan á seguinte rolda ata o final, a loita das medallas e o cuarto posto.

—Que calidades hai que ter e ten vostede para destacar?

—No meu caso, levo moitos anos implicado neste deporte, así que, por un lado, teño a experiencia, e por outro, a sorte de ser un atleta potente fisicamente, de bastante altura. Iso permíteme ter un punto de vantaxe respecto a algúns opoñentes. Tamén teño, talvez, a capacidade de adaptarme a diferentes situacións que se poden dar ao longo dunha baixada de kayak cros.

—Como e cando se inicia nesta modalidade?

—Non vou dar datas, que o meu nunca foi a historia (ri). Pero hai bastantes anos, non moitos, pero bastantes. Trouxeron esta modalidade co fin de introducila un pouco mais ao público, xa que o slálom, ás veces, pode facerse monótono ou difícil de entender. Así que empezaron a poñelo de proba nas competición e eu dixen: «Pois imos darlle, que nunca se sabe a onde se pode chegar». Pareceume súper divertido. Despois, empezou a desenvolverse, a xente empezou a entrar moito coa oportunidade olímpica. O material utilizado foi evolucionado e agora estamos nun punto de máximo nivel, un nivel olímpico. Cando se loita polas medallas nos Xogos, ninguén perdoa.

—Pódese dicir que é unha proba relativamente nova, non?

—Si, pero hai que diferenciar. Porque a xente pode pensar que isto empeza e xa é olímpico, e non. A maioría de habilidades que ten un atleta de slálom son transferibles aquí. Polo tanto, é certo que é un deporte máis novo, pero non significa que alguén poida empezar hai catro anos de cero e estar no top-20 mundial, hai matices. Eu a primeira vez que subín a unha piragua tiña sete anos, empecei bastante cedo.

—E é o primeiro galego que destaca a nivel internacional.

—Si, hai algúns a bo nivel no ámbito nacional, pero si que polo de agora, a nivel internacional, son o único con resultados bos.

—Dicía que lle quedan moitos deberes de aquí a París. Cales?

—Nalgunhas competicións das de maior presión conseguín achegarme relativamente ao meu potencial de rendemento. Entón, os deberes pasan por observar, mirar cara atrás e ver que fixen, para, de aquí aos Xogos, conseguir facer a mellor preparación para chegar ao máximo nivel e loitar polos mellores postos.

—É realista pensar no podio?

—É delicado. Non descarto a posibilidade, pero tampouco apuntaría aí directamente. É complicado de responder. Temos nivel para facer medalla, pero non é algo tan evidente, nunca se sabe.

—Pagou a pena marchar adestrar fóra de Galicia, non?

—Si, pero segue sendo triste que non teñamos a oportunidade de poder desenvolvernos na nosa terra natal, que é a onde pertenzo e me encanta.

—Confía en que a súa visibilidade axude a que se dean pasos?

—A min non me chama nada a atención ser famoso, pero de ser algo coñecido, o que si me gustaría é poder influír positivamente noutros atletas e dar visibilidade e a problemática que sufrimos os atletas de piragüismo de augas bravas de Galicia.

—Que tal compaxina o deporte e a súa faceta de psicólogo?

—Acabei hai tres anos e xurdiume a oportunidade de traballar de titor de residencia no centro de La Seu D'Urgell. Pensei que se puidera compatibilizar a carreira deportiva cos estudos, por que non ía poder traballar. Forma parte do meu equilibrio, consigo adestrar ao máximo nivel e facer o meu traballo gozando del. Estou agradecido de poder aportar á comunidade deportiva a través da miña actividade laboral.