Tono Campos «Creo que o Premio Leyenda é merecido»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

Cedida

O grovense recibirá o vindeiro mes o máximo recoñecemento da Real Federación Española de Piragüismo na súa condición de padexeiro hispano con máis medallas internacionais. «Quiteille moitos anos á familia polo piragüismo», di

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Por decisión de la Junta Directiva de la Real Federación Española de Piragüismo el pasado 22 de noviembre, has sido galardonado con el Premio Leyenda RFEP en 2023. Recibe mi más cordial felicitación». Desta maneira comunicáballe onte Javier Hernanz, presidente do ente federativo, a Tono Campos (O Grove, 15 de xullo de 1985) a concesión da máxima distinción outorgada pola federación. Un premio que se lle entregará no transcurso da XXXIX Gala Nacional de Piragüismo, o 16 de decembro, no Auditorio Goyeneche do Comité Olímpico Español, e que recoñece a traxectoria do mellor padexeiro español de maratón na historia e un dos máis laureados a nivel mundial no mellor ano das súas case dúas décadas na elite.

—Parabéns polo premio…

—Grazas.

—Colleuno por sorpresa?

—Eh… Si. Un pouco si. Sabía que polos resultados podía ter un premio na gala, pero non sabía se este. Non me dera conta antes dese premio.

—Na primeira entrega do Premio Leyenda, correspondente á temporada 2022, estrearon o palmarés Teresa Portela, Saúl Craviotto e Maialen Chourraut. A crema do piragüismo olímpico nas dúas últimas décadas…

—Estou contento co premio. Creo que é un premio merecido dada a miña traxectoria, con máis de 40 medallas entre europeos e mundiais e sendo o máximo medallista en campionatos do mundo da federación [española] en calquera das especialidades.

—Ben está que se acorden doutras modalidades do piragüismo máis aló das asociadas á bandeira dos aros, coma, no seu caso, do maratón, non?

—Si. Está claro que, se non se acordaban tampouco este ano, que logrei gañar os tres ouros no Campionato do Mundo, non se ían acordar máis, porque máis disto non se podía sacar. E sumado ao décimo título mundial do meu palmarés.

—No maratón non hai ninguén máis laureado ca vostede en España. A nivel internacional, non sei se quizais algún húngaro cos que lle tocou esforzarse moito nestes 17 últimos anos…

—Marton Kover [o seu grande adversario nos últimos tempos] ten nove campionatos do mundo. Si hai un, Edvin Csabai, que creo que ten 17 ouros mundiais [conseguiunos no C1 e no C2 entre 1999 e o 2009, sumándoos a pares desde o 2004], xa retirado.

—O seu palmarés no maratón ben compensa non acabar de coller a onda da carreira olímpica en pista. Ou esa é unha espiña que queda cravada?

—Non. A espiña quedaría cravada de non tentalo. Tentámolo —primeiro co betanceiro José Manuel Sánchez e despois co tamén arousán Diego Romero no C2 1.000—, e non fomos quen de clasificarnos para os xogos olímpicos. É unha distancia demasiado curta para nós. É unha pena que non houbese unha distancia intermedia no programa olímpico, coma poden ser os 5.000 metros, na que teriamos máis posibilidades os fondistas, así como no seu día Teresa Portela e Sete Benavides, velocistas, tiveron os 200, que agora volveron quitar, unha distancia que se adapta ás súas calidades. Distancia de fondo nos xogos non hai.

—Triplete de ouro no Mundial, gañando nas tres canoas séniores (C1 e C2 estándar e C1 curto), e agora o máximo recoñecemento da RFEP. Como recordará este 2023?

—Pois como o mellor ano da miña carreira deportiva ata o momento, sen dúbida.

Como noutros deportes con modalidades diferenciadas para velocistas e para fondistas, a barreira dos 40 anos non é un tránsito que deba preocupar especialmente a un padexeiro de maratón. Polo menos, non a un do talle de Tono Campos, que non contempla inda a data para o que, adianta, será un adeus ao piragüismo.

—Con 38 anos e 39 medallas de maratón entre mundiais e europeos, 18 delas de ouro, que aspiracións lle quedan por diante a Tono Campos na elite?

—O máis difícil cada ano é seguir mantendo a motivación cando xa conseguiches todo. É certo que xa estamos nunha idade na que os deportistas se van retirando, non tanto os de fondo. Pero, visto o visto, é algo que por agora non contemplo. Que aspiracións me quedan? Sempre se pode mellorar. Este ano foron cinco medallas, entre o Europeo [unha prata e un bronce] e o Mundial, e pódense poñer obxectivos máis ambiciosos, como sacar as seis medallas posibles entre o Europeo e o Mundial, como fixen na primeira temporada na que houbo canoa curta nos dous campionatos, no 2019, inda que non fosen todas de ouro. Sempre hai que poñer obxectivos ambiciosos para seguir motivado ano tras ano.

—Vaia, que lle queda moita corda aínda…

—Ben, non o sei. O que dicía, cada ano é máis difícil manter a motivación, coa familia e dous nenos. Pero aí seguimos, adestrando e mantendo a disciplina que require isto, sen a que os obxectivos non van saír.

—Sempre salienta que ser membro do Corpo Nacional de Policía é o que lle permite manterse no punto ao que chegou...

—Si. Iso sen dúbida. Porque do maratón é imposible vivir. As axudas son mínimas ou case inexistentes, e, sen un traballo que che permita compatibilizar e te apoie como o fai a policía, sería imposible obter estes resultados.

—E despois? Vese continuando no piragüismo noutra faceta que non sexa a de líder da selección?

—Non, a curto prazo non. É unha das cousas que ía dicir. Parte desa motivación que manteño é polo grupo de adestramento que temos: con Diego [Romero], con Tania [Álvarez] e, á fronte de todos, coa dirección de Luis Padín, animándonos como nos anima a seguir adiante. Agradecerlles ao grupo de adestramento e ao club [o Breogán do Grove] que nos apoian ano tras ano, e dar as grazas por este premio, que nos dá folgos para seguir adestrando. A curto prazo, unha vez que o deixe, non me vexo noutra faceta. Xa estou ameazado de morte pola muller [gargallada]. Xa lle quitei moito tempo e moitos anos á familia polo piragüismo.