«Xa meu pai collía avións para ver ao Real Madrid por toda Europa»

DEPORTES

José Antonio Calvo Blanco, de Zas, leva varios anos viaxando a tódolas eliminatorias do equipo branco

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Calvo Blanco volverá hoxe ao Etihad, onde o ano pasado sufriu como poucas veces na súa vida: «É que nos primeiros trinta minutos non existimos sobre o campo», lembra. Natural de Rial de Arriba (Zas), este galego de 47 anos leva máis da metade da súa vida seguindo ao Real Madrid por toda Europa. Faino dende Suiza, a onde emigrou en 1988 e onde, ademais de traballar como deseñador de solos, rexenta o Centro Galego de Berna. A súa eficacia é motivo de envexa para moitos xogadores, pois estivo en sete finais da Copa de Europa e todas caeron para o seu lado.

—Onde nace esa paixón polo Real Madrid?

—Do meu pai. El, que veu no ano 1968 para traballar en Suiza, levábame da man sempre que podía a ver o Madrid. Cando eu vin para aquí, no 1988, el xa collía avións para ver o equipo por toda Europa dende Berna. E iso daquela non era nada común.

—Alí en Berna, formou incluso unha peña.

—O certo é que non foi iniciativa miña. En 2004 ou 2005, un rapaz chamado Daniel, de nai española, veu ao centro a preguntarme se aí daría sempre os partidos do Madrid. Eu díxenlle que sí e el trouxo a varios compañeiros que sempre ceaban ou comían vendo o fútbol. Foi crecendo a confianza e faloume de facer unha peña, eu tiña bastante choio pero díxenlle que coñecía a xente en Madrid que nos podería axudar e saíu adiante, e agora somos unha peña oficial do club.

—É a forma máis sinxela de conseguir viaxar co equipo?

—Segue sendo moi complicado, porque as entradas son reducidas. Eu teño sorte porque de tanto viaxar fixen moitos amigos e, ao final, dunha forma ou outra, sempre consigo a miña entrada a un prezo máis ou menos razoable. En cambio, hai xente que se pasa, porque a revenden a catrocentos ou cincocentos euros, aínda que iso é porque teñen quen lla compre. De todas formas, estes últimos anos subiron os prezos.

—Canto lle custou a de Manchester?

—Pois eu conseguín unha entrada por uns 80 euros. Os vós dende Berna máis de 200. E o que gastes alí, pois como mínimo son uns 500 euros. E iso que a miña entrada e das máis baratas.

—Marchou onte á primeira hora e volverá a Suiza mañá. É difícil cadrar as libranzas co traballo?

—Danme facilidades porque eu fago horas e vou movendo as vacacións. Non podes marchar cando queres, eu modifico o horario laboral en función do Madrid, pero non perdo de traballar. Agora mesmo son deseñador gráfico de solos e teño o meu negocio persoal co Centro Galego de Berna, do que me ocupo os venres, sábados e domingo. Teño tres fillas e teñen que comer.

—Trasladoulles o seu amor polo Madrid?

—Dúas delas son xemelgas. Unha saíu do Madrid e outra do Barcelona. E nunca houbo o menor problema. A xente cree que por acompañar sempre o equipo somos radicais, pero nada disto. Gústame ver os partidos tranquilo e lévome ben con todo o mundo, nunca tiven un problema.

—Elas tamén seguen falando galego?

—Claro! E iso que levan toda a vida aquí, pero falan o mesmo galego que eu, con gheada e con seseo. Teñen 25 e 18 anos, pero temos a terriña moi en conta.

«A miña muller estreouse na remontada contra o City e comprendiu a miña paixón»

—Comparte as viaxes ca familia?

—Si. Miña muller estreouse o ano pasado contra o City e, ao rematar, díxome: agora entendo a túa paixón polo Real Madrid.

—Foi a tódalas eliminatorias dende o 2016 e as últimas sete finais. Cal é o seu mellor recordo?

—O gol de Cristiano de chilena en Turín. Esa sensación cando todo o estadio comezou a aplaudirnos aos afeccionados madridistas desprazados e ao equipo, non a esquecerei nunca.

—E o peor?

—Sen dúbida, en Cracovia. Nun encontro de fase de grupos. A única vez que me arrepentín de verdade. Morrín de frío e non sentía os pés.