Ezequiel Mosquera: «Algún equipo profesional xa fichou a un corredor galego coa idea de que o convidaramos á proba»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

ANTÓN PARADA

O promotor do Gran Camiño cifra en preto de 700.000 euros o orzamento da primeira edición da rolda galega

05 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É un produto no que creo firmemente e que se pode explotar moitísimo como vía de promoción do territorio. Recuperando a nostalxia da antiga Volta a Galicia, pero actualizada». Este é, explica Ezequiel Mosquera, o punto de partida do Gran Camiño. 

—O Gran Camiño aparece practicamente abrindo o vindeiro calendario profesional. ¿Faino por convicción dos seus promotores ou por necesidade do guión?

—Si, a ver. O problema do ciclismo pro é abrirse oco. Hai un calendario moi amplo e global e claro, equipos son os que son. Cando entras non é fácil, sobre todo o primeiro ano. Tes que pensar máis nas necesidades dos equipos e menos no que lle convén ao organizador. Se o organizas ben, cun trazado bo e bonito e obtés un recoñecemento, as cousas soen cambiar. A nós gustaríanos encaixar a proba entre o Tour e a Vuelta a España. Pero aí xa está a Vuelta a Burgos. Non hai oco. Se a organizaramos no verán seguramente non teriamos ningún equipo World Tour na saída. A finais de febreiro, todos os equipos buscan darlle ao pedal, todos teñen que competir. Por agora mal non imos. E se chove, que chova.

—O proxecto é sumamente ambicioso: Recuperar o brillo da mellor época da Volta a Galicia. Palabras maiores nestes tempos…

—Si. De recuperar unha volta profesional en Galicia, había que recuperala ben. Gustaríame ver as cunetas cheas de xente co Gran Camiño. Nada máis arrincar a idea, decatámonos da expectación que levantou. Eu sabía que en Galicia se respiraba ciclismo, pero non esperaba a expectación que se levantou. Iso demostra que a xente botaba en falta o ciclismo de primeiro nivel en Galicia, máis aló da Volta a España, que seguirá vindo, e a afección ao ciclismo que sempre houbo en Galicia. As estradas ateigadas de xente, como na etapa de Mos, vense en moi poucos sitios. Por outro lado, queda suficientemente acreditado que o ciclismo na televisión é unha publicidade rendible. Tiñamos claro que había que imprimirlle á carreira un alto estándar de calidade, que é no que estamos traballando. A retransmisión foi unha das primeiras frontes que abrimos cando decidimos dar o paso. Eurosport danos cabida, pero hai que darlle unha produción especializada, que contratamos e pagamos nós co noso presuposto.

—E a canto ascende o presuposto?

—Inda non o temos pechado, pero máis cerca dos 700.000 euros ca dos 600.000. Co presuposto que a Vuelta a España ten para media etapa, nós facemos unha volta. Non é que vaiamos sobrados, pero imos ben. A Vuelta a Euskadi e a Volta a Catalunya seguramente nos dobren en presuposto, pero nós estamos comezando. E a infraestrutura xa a temos na casa —da súa empresa—.

—Conseguir de boas a primeiras a categoría 2.1 da UCI para unha carreira de catro días non está ao alcance de moitos…

—Non! É certo que movín a todos cantos puiden. Cónstame que Carlos Muñiz, o presidente da (Federación) Galega, e José Luis López Cerrón, o da Española, se moveron para que nos deran esa categoría. Entenderon que o ciclismo galego o merecía.

—A antiga Volta a Galicia deparou grandes duelos e gañadores de renome. Imaxina nun futuro un Pogacar-Roglic no Gran Camiño?

—Pode ser. Pode ser. A Vuelta a la Comunidad Valenciana do 2020 gañouna Pogacar, e era unha proba que desaparecera durante varios anos, entre o 2009 e o 2015, e que se recuperou no 2016.

—Mágoa da falta dun equipo galego profesional para redondear o círculo, non?

—Si. Eu teño a esperanza de que ao mellor esta proba anime a equipos galegos elite e Sub 23 que están respaldados por empresas con posibilidades que vexan no Gran Camiño o escaparate que representa o ciclismo e que dean o paso ao profesionalismo. Son optimista neste sentido. Pódoche dicir que algún equipo de fóra xa fichou algún galego coa idea de que o convidaramos a participar.