Ana Pontón: «As rapazas herdabamos o chándal dos tíos»

DEPORTES

Sendo pívot do Clube Baloncesto Sarria, a portavoz do BNG coñeceu machismo que cre que segue latente no deporte

01 nov 2021 . Actualizado a las 10:03 h.

Entrar no despacho que Ana Pontón ten no Parlamento de Galicia é traspasar a barreira que hai entre o ruxir e a paz. Unha calma  que transmite dende o primeiro saúdo ata a despedida. Fair play, pero con enorme competitividade e, sobre todo, un discurso reivindicativo dende asubío inicial do encontro.

—Durante os últimos días puido facer un documental como o de Griezman cando dubidaba se ir ao Barça ou non. Sería: «A decisión de Ana Pontón».

—Non sei moito dese documental, pero no meu caso non tiña moita historia, pois nunca estivo enriba da mesa irme do BNG.

—Cal é a relación de Ana Pontón co deporte?

—Son moi fan do deporte. Sempre practiquei algún, excepto na miña etapa universitaria. De rapaza xoguei ao fútbol sala e ao baloncesto. Nestes últimos anos fixen ioga, que aínda que moita xente non o crea é bastante físico. O que non me gusta moito é velo na televisión. En directo, si.

—E sen ser deporte, que actividade física practica?

—Levo dous anos cunha vida moi sedentaria. Entre ser portavoz nacional do BNG, deputada e nai de Icía, pois teño moi pouco tempo. En canto se estabilice un pouco máis a crianza, volverei. Camiñar tamén é outra das miñas afeccións.

—Que hábito ten: vai acompañada, soa, escoita música…?

—Gústame ir con xente. Pero se vou soa, fágoo comigo mesma. As persoas temos que aprender a desfrutar do silencio. Eu desfruto moito. Creo que hai que pensar máis e vivir menos apresa.

—Algunha gran decisión ou proxecto xurdíu nalgunha desas andainas?

—Teño que dicir que máis que nesas andainas, xurdiu cando vou conducindo. É un dos momentos que máis emprego para pensar. Eu son moito de patear Galicia. Creo moito en estar a pé de rúa e ter moito contacto coa xente. Tamén ten a parte negativa de medir o impacto do CO2 (ri). Pero si que é certo que no coche teño moito tempo para pensar.

—Xogou ao fútbol sala e ao baloncesto.

—Si. Ben, o do fútbol sala era máis anecdótico. Pouco xoguei. Era máis coas amigas. Máis tempo lle dediquei ao baloncesto. Con 1,77 que medía, claro, era pivot. Xoguei dende EXB ata terceiro de BUP. Primeiro, no colexio, e logo chamáronme do CB Sarria, onde fun cando entrei no instituto. Foi unha etapa moi chula. Paseino moi ben, aínda que a pesar dos anos que pasaron teño unha crítica pendente para eles. As rapazas herdabamos o chándal dos tíos. Foi algo que sempre me pareceu que era unha consideración de segunda. Non sei como fan agora, pero sempre me pareceu un símbolo da diferente valoración entre os homes e as mulleres.

—Cre que neste século temos iso algo arranxado?

—É moi evidente que segue habendo unha discriminación. O día que se poña o mesmo interese en facer visible o deporte das mulleres que o deporte que practican os homes, estaremos no tipo de sociedade na que a min me gustaría vivir.

—A repercusión non é a mesma.

—Porque non se quere que sexa a mesma. Porque non se fai visible e se considera de segunda. Cando eu vou ver algún partido de mulleres aí se ve a potencia. Acabamos de ver uns Xogos Olímpicos nos que o gran foco de atención estivo en mulleres atletas, moitas delas galegas, como Ana Peleteiro e Teresa Portela, que nos demostran que o seus deportes teñen o mesmo valor. Non é o deporte en si, é o valor que lle dá a sociedade. Se non se crea relato sobre deporte feminino estase a facer invisible. Non creo que os homes sexan mellores.

—Entende que o feito de que un estadio se encha para ver un partido masculino de fútbol e non feminino é simplemente pola diferente visibilidade que se lles dá?

—E polo valor social que se lle dá, porque se considera que o deporte importante é o que fan once señores correndo detrás dun balón.

—Cre que se pode equiparar?

—Seguro que se se puxera o foco sobre as xogadoras coa mesma intensidade que cos xogadores, veríamos que os resultados serían moi similares. Sería interesante que alguén fixera este experimento. Pero non interesa. Insisto, é unha mostra máis da sociedade na que vivimos, na que as mulleres temos moitas máis dificultades que os homes en todos os ámbitos da vida.

—A práctica deportiva, en xeral, tamén é menor nas mulleres que nos homes. Preocúpalle este dato?

—Si, pero non me sorprende, porque volvemos á orixe do tema: foméntase menos. Ata nos propios colexios. Quen ocupa os espazos deportivos? Os nenos. Iso hai que cambialo.

—Volvamos a ese CB Sarria no que xogaba de pívot. Se tiña o mesmo corpo que agora, moitos cobadazos debeu de levar. Pero, máis ou menos que na política?

—Non crea que moitos. Pero si, no deporte había xente que era bastante cabrona. Lembro que nos enfrontabamos a un equipo de Monforte que tiña dúas xogadoras, principalmente a súa base, que a táctica que tiñan era collerte e trincarte. Eu iso no BNG nunca o vivín. Somos de traballo en equipo.

—Tamén hai deportes individuais.

—Si, pero calquera deportista sen o equipo que está detrás non é ninguén. Quen crea que un só constrúe vai mal. Sempre, en todos os ámbitos, sen equipo non hai nada. Sen ese adestramento do grupo é imposible chegar á excelencia. Outra cousa é que logo haxa unha cara visible.

—Como se ve máis de presidenta, adestradora ou xogadora?

—Sempre fun xogadora. Gústame ese papel. Outra cousa é que no futuro poida ser presidenta.

—Imaxinábaa máis de adestradora. Xa dirixiu un equipo de cine nunha curta e agora dirixe outro político.

—(Lembrar a curta que dirixiu, faille rir). Eu creo que para ser boa adestradora, ter sido antes xogadora axuda. Temos un gran exemplo en Pep Guardiola. Foi un gran futbolista e esa experiencia creo que o fixo mellor adestrador. Se non coñeces os campos que tes que dirixir, vas mal. A experiencia de estar abaixo tamén che dá moito realismo. Creo que temos que ter os pés na terra. Debe ser que como eu tamén son desa Galicia profunda (chisca un ollo).

—Grandes xogadores, logo foron adestradores amarrateguis. Pódelle pasar a vostede?

—Non, non. Eu son de ataque. Creo que en todo hai que ir sempre ao ataque.

—Que partido houbo onte (a entrevista faise ao día seguinte do Barcelona-Real Madrid)?

—Non teño nin idea (ri). Vivo nun mundo que está desvinculado do deporte. O que non quita que algunha vez vaia ver algún espectáculo en directo, porque en vivo si que me gusta ver deporte. Por exemplo, a min tamén me gusta moito ir ver ao Obradoiro (ri en referencia á confesión realizada por Roberto Blanco Valdés). E salto e síntome partícipe desa masa, que me dá un subidón de enerxía.

—Tamén lle chama cabrón ao árbitro?

—Non, non. Non é o meu estilo. Non me sae. Para que insulte a alguén téñenme que enfadar moito, pero moito. E non é nada fácil, xa llo digo.

—Canta o Miudiño?

—Por suposto. A min encántame cantar. Ademais estiven nun grupo de pandeireteiras, que non éramos profesionais, pero aí lle dabamos.

—Para ver, con qué deporte se queda?

—Calquera deporte en directo é fermoso. Pero si que o que máis, o baloncesto. É moi dinámico, pode dar a volta en calquera momento. Pero tamén o fútbol.

—Dépor ou Celta?

—Iso é un clásico. Non me decanto por ningún. Eu son da selección galega (ri con picardía). Se se enfrontan os dous aí si que diría que gañen os dous. O que hai que aspirar é a que o Dépor volva a Primeira.

—Selección galega xa?

—A tope. Non sei por que lles molesta tanto.

—Viu algún partido?

—Si un par de eles. E foi algo emocionante.

—E da selección española, ve partidos?

—Non vexo. Non me motiva (ri).

—Lembra o Celta en Champions e o Deportivo campión de Liga e Copa?

—Si, porque o meu pai era súper futboleiro. De feito, en certo modo non sei se non aborrecería un pouco o fútbol pola súa culpa. Mira que o adoro, pero hai unha cousa que non soportaba e era que xa podíamos estar vendo o que fose, que chegaba el e, como só tiñamos unha tele na casa, como houbese fútbol, aí cambiaba e poñía o partido. Era unha cousa que a min me parecía tan autoritaria… Mira que meu pai sempre foi unha persoa moi dialogante, pero nese tema non había discusión posible.

—Dígame o nome dalgún xogador, actual ou pasado do Celta ou do Dépor?

—Home, coñezo a Iago Aspas e pouco máis… E que non estou nesas.

—E cinco deportistas?

—Ana Peleteiro, Teresa Portela, Adrián Ben e Iago Aspas. Catro, que así hai paridade.

—Non lle pregunto pola medalla de Portela, porque foi de madrugada, pero seguro que viu a de Peleteiro, domingo ao mediodía. Emocionouna?

—Por suposto. Creo que era un día de chuvia. Para que vexa que me acordo. Estaba nas miñas pequenas vacacións deste verán. Aí estabamos diante da tele. Vin a proba coa miña filla, que tiña un ano. Pois moi emocionada. Unha galega con esa forza… É un logro dela pero creo que o sentimos moi noso.

—Botaría unha carreira deportiva con algún político?

—É que nunca foi o meu forte. Non sei.

—Pois escolla algún deporte no que se sinta forte: un contra un ao baloncesto, unha partida de xadrez, un futbolín...

—Ah, pero o futbolín tamén se considera deporte?

—Agora hai licenzas e todo. Está incluído na federación galega de fútbol.

—Pois aí si que lle digo que son moi afeccionada. Teño xogado moito ao futbolín. Encantábame. Non é que fose a mellor xogadora do mundo, pero…

—Ao cambio ou ao bolo.

—Ao cambio. Paréceme máis divertido. Xa ve. Practico máis deportes do que pensaba (ri).

—Con quen xogaría ao futbolín de parella?

—Quen dixo que ao futbolín hai que xogar con parella?

—Pois vale, xoga soa, pero a quen lle gustaría meterlle un 7-0 e facerlle pasar por debaixo do futbolín?

—Home a calquera de dereitas (ri). Pero o de pasar por debaixo, non sei, porque así lles daría publicidade e non quero.

—Ah, é por non facerlles publicidade, non por humillalos?

-(Ri). Non. Iso tampouco. Creo que nada se constrúe dende a humillación. A humillación é o que constrúe a dereita. Pero darlle unha boa malleira a calquera de esta extrema dereita, mesmo a Abascal ou Casado estaría moi ben.

—Vexo que tira por fóra, aínda que sexan rivais.

—Ben, de aquí xogaría con Feijoo.

—De parella?

—Non, ho. Non me vexo. Máis ben en contra. Un un contra un estaría moi ben, non cre?

—Dálle medo que facendo parella con Feijoo, el atrás e vostede diante, se deixase meter goles para que vostede non gañase?

—Iso non. Feijoo non é un home que se deixe meter goles. El intenta metérllelos aos demais e ás veces con trampas.

—E aínda que di que prefire xogar soa, se formase parella con alguén, desfrutaría máis detendo goles ou meténdoos?

—Eu sempre de dianteira. Sempre ao ataque. É máis divertido.

—Deixando a política, con qué deportista lle gustaría facer algo?

—Pois con Ana Peleteiro. Paréceme unha muller moi interesante. Polas cousas que di e a sinceridade coa que o fai. Iríame de cañas con ela.

—Falabamos antes dos Xogos, que lle transmite a imaxe dunha Simon Biles superada?

—Creo que hai algúns deportes moi sacrificados como pode ser a ximnasia ou a natación sincronizada que... Neses deportes de élite hai unha liña que en ocasións se sobrepasa. Hai unha esixencia por riba da saúde. Pero creo que os canons que utilizan deberían revisalos.

—Pasa sobre todo con disciplinas femininas.

—Porque o machismo está en todas partes. No deporte vese dunha maneira brutal. Paréceme un espazo no que o machismo segue tendo moita presenza, na valoración social, pero tamén na confección do propio modelo.

—Coñece Mudegá?

—Si. Creo que fan un labor excepcional, importantísimo, de visibilidade. Poñen sobre a mesa debates necesarios. Que se aposte polas mulleres nos deportes. Lémbrolle que a nós dábannos os chándales dos tíos.

—Se fora presidenta, que faría no deporte ou polo deporte?

—Nós, como BNG temos un programa no que o máis importante é fomentar o deporte de base. É a canteira non só do deporte profesional, senón tamén a canteira da saúde. E tamén que o deporte sexa un ámbito no que as mulleres poidan ver cumpridos os seus soños.

—Que papel debe xogar para vostede a Educación Física na escola?

—Hai que cambiar a concepción… Acabamos de vivir unha pandemia, que nos fixo reflexionar sobre moitas cousas. A saúde sen actividade física coxea. Así que de aí vén todo. A Educación Física ten que ter moita presenza. Pero no só iso, senón que a actividade física en si, en todos os ámbitos. Por exemplo, podíamos comezar por peonalizar máis espazos públicos.

—Coa pandemia foi das que mercou unha cinta de correr?

—Non. Teño un piso moi pequeno (ri). Por riba, coincidíume cos primeiros meses da miña filla. Ser nai é xa un deporte. Non sei se de risco, pero si que lle dedicas moito. Se colear fose deporte, eu levaría uns cantos quilómetros enriba.