Mil primaveras máis para Rodrigo

Xosé Ramón Castro
X. R. CASTRO FONDO NORTE

DEPORTES

17 may 2021 . Actualizado a las 10:56 h.

Seguramente non teña outra vida, pero se fose así, gustaríame ter a mesma valentía que Rodrigo Conde. Onte, o moañés quedou sen soño olímpico por catro segundos, pero iso é o de menos, o verdadeiramente salientable é que antes renunciase ós Xogos tendo praza porque xa non desfrutaba do traxecto por mor do peso. Que a fin non sempre xustifica os medios, unha mensaxe da que todos deberiamos de aprender.

Canta xente coñecemos que renunciase a uns Xogos por saúde? E de cantos sabemos que logo de rexeitar unha modalidade coñecida cun compañeiro coñecido decidisen irse ó descoñecido cun descoñecido? E malia iso, non estivo tan lonxe da badalada en Suíza.

Camiño dos 24 anos, a Rodrigo seríalle doado mirar para outro lado, apertar o corpo uns meses máis e plantarse no Xapón no peso lixeiro, pero antepuxo a súa saúde física e mental ó obxectivo de todo deportista (futbolistas á marxe). Igual iso significa perder unha bolsa e de entrada retornar ó punto de partida, pero Conde non reparou niso. Só foi honesto con el mesmo.

Pode que cando cheguen os días de Toquio, a Rodrigo lle asolaguen as dúbidas nun primeiro instante, pero ó segundo seguinte a súa conciencia lembraralle que fixo o correcto, o que poucos estarían dispostos a facer.

Por iso, non estaría de máis que a federación de remo e as máis altas instancias deportivas aproveitasen a figura do moañés para fomentar os valores do deporte, non só o competitivo, senón o que serve de fonte de inspiración. Ninguén dubida dos logros doutros deportistas galegos, pero se alguén merece mil primaveras máis, como o noso idioma, é un loitador que soubo renunciar ó seu soño dende que se subiu por primeira vez a unha traíña. Se houbese clasificacións de oficio, el debería ser o primeiro confirmado para París 2024.