Caetano Horta: «Non sabemos onde está o límite»

DEPORTES

Federación española de remo

O adolescente noiés viaxará aos Xogos un mes despois de rematar o bacharelato

14 abr 2021 . Actualizado a las 15:00 h.

Motociclista dende neno por influencia paterna, se de algo sabe Caetano Horta (Noia, 2003) é de velocidade. E de precocidade. Aos seus 18 anos, aínda en plena etapa xuvenil, vén de acadar en Varese, Italia, unha praza no dobre scull de peso lixeiro que competirá nos Xogos Olímpicos de Tokio. Se alguén lle dixera hai semanas que iría a Xapón un mes despois de rematar o bacharelato, seguro que incluso el o chamaría tolo. Pero nada máis lonxe da realidade. Os únicos tolos foron os que non tiveron fe nel.

—Asimilou xa que irá a Tokio?

—Aínda estou en proceso. Sabía que tiña unha oportunidade, pero isto é xa. É un pouco raro. Este foi un ano un tanto especial, pero pouco a pouco voume dando conta do conseguido.

—No Campionato de Europa quedaron fóra da final A. Non sei se iso lle fixo dubidar.

—Para nada, co resultado do sábado aínda rematei máis seguro. Sabiamos que na final B tiñamos que estar arriba si ou si. E levábamos o mellor tempo das semifinais. Sabiamos o rendemento que deramos. Pelexamos ata o final para meternos na loita polas medallas. Quedamos a só tres décimas. O certo é que me fortaleceu mentalmente.

—En que pensou cando acabou a proba e viu que iría aos Xogos?

—Pois a verdade, nada máis gañar a final B, xa estabamos falando en que mellorar de cara á Copa do Mundo. Pegamos un gran cambio co que aprendemos nestas regatas. Ao cruzar a meta xa queriamos volver á auga para seguir dándolle caña. Iso foi o único no que pensei. Non nos podemos relaxar nin un minuto.

—Que hai que mellorar?

—Moitas cousas nas regatas, a actitude... Do venres ao sábado xa cambiamos moito. Tanto a planificación, como a mentalidade. Aprender a levarnos o un ao outro... Esta era a nosa primeira regata internacional. Tivemos tres probas e en cada unha fomos mellorando cousas. Temos ganas de seguir competindo.

—Hai algunha meta para os Xogos?

—Non, nin moito menos, imos ir a polo máximo que poidamos. Non sabemos onde está o límite. De aquí a Tokio imos pegar un cambio brutal, pero descoñecemos onde está o teito.

—A preparación con Manel Balastegui foi a toda présa?

—Tivemos que facer todo a moita velocidade. Os adestramentos aproveitámolos ao máximo. Queriamos que cada padexada sumase. Íamos contra o reloxo para este Europeo. Queriamos asegurarnos de que íamos os dous a Tokio, que este fose o dobre. Ese era o primeiro obxectivo e, pensando niso, ir deixando unha boa base. Foi todo rápido, pero esta etapa xa a pasamos.

—Segue concentrado en Bañolas.

—Si, vamos a quedar adestrando. É mellor seguir aquí para preparar os Xogos.

«O máis duro é adestrar e sufrir, e volver día tras día»

Ademais do deporte, Caetano Horta pensa no seu futuro profesional. Ten seguro que quere estudar Odontoloxía e, a poder ser, en Sevilla. Hai unhas semanas viaxou a Noia para coller os libros de segundo de bacharelato.

—Tócalle empezar na universidade o próximo ano, non?

—Si, si, non me podo relaxar de cara aos estudos. En xuño teño os exames para rematar o curso.

—De onde saca o tempo?

—Algo de tempo hai, pero tamén é o tempo no que queres descansar. Tes que facer o esforzo.

—Sempre destacou pola súa madurez. De onde sae?

—Pois da familia. Sobre todo meu pai, xa dende pequeno nas carreiras de motos había presión. Dende pequeno lidei con todo isto. E todo suma.

—Onde está a clave para destacar de tan mozo?

—A clave é un pouco de todo. Constancia, sacrificio, todas esas palabras que sabemos. Dedicación... Despois a mente é un factor moi importante. Todos os que están na elite teñen que estar concentrados ao 100 %. O máis duro é adestrar e sufrir, e volver día tras día... Se non estás ao 100 % mentalmente, se non che aguanta a cabeza, non es capaz.

—O seu compañeiro Balastegui é un pouco máis veterano ca vostede. Que tal é a relación?

—Moi ben, vaime axudando en todo o que pode. Sobre todo no peso e nas regatas absolutas, que non teño experiencia. Nos adestramentos temos moi boa comunicación, coma bos amigos.

—Comentáronme que se lle dá moi ben a bicicleta.

—Facemos adestramentos longos en bicicleta e en vez de estar no rodillo, saio un pouco. Está ben.

—E a escalada.

—Foi un verán, que fun cos colegas. Non tiven máis tempo. Son un pouco tolo dos deportes. Fágoo unha tempada e xa creo que vou ser profesional.