Con licenza pero sen influenza

Mercé Barrientos É PRESIDENTA EN FUNCIÓNS DE MUDEGÁ (MULLERES DEPORTISTAS GALEGAS)

DEPORTES

Marta G.Brea

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mudegá constituíuse no 2006 para promover o deporte feminino e para denunciar situacións de desigualdade que perduraban neste século XXI. A través de varios estudos analizara a presenza das deportistas na prensa, con resultados demoledores que evidenciaron como profesionais e medios estaban a prestar unha exigua atención ás mulleres deste país: a prensa recollía apenas un 2 % de novas relacionadas co deporte feminino.

Arestora, a incerteza e parálise que sofren a poboación en xeral e a xente do deporte en particular deixou a Mudegá un novo espazo para a reflexión. Os datos recompilados por este xornal bocexan a situación da muller nas directivas das federacións galegas e, alén de esixir explicacións, reclaman actuacións urxentes.

Nas federacións galegas as licenzas deportivas femininas supoñen (excluídas as do fútbol) o 30 % do total; nos recoñecementos de DGAN, máis dun 39 % corresponden a mulleres e entre os candidatos a participar nos Xogos de Tokio elas suman o 46 %. No entanto, das 55 federacións analizadas, 16 non teñen ningunha muller nos cargos directivos e en 8 máis ocupan o cargo de secretaria (é dicir, que asisten ás reunións sen voto). Así, hai 24 federacións sen ningunha muller que poida influír en cuestións cruciais. Resulta chocante que, sen embargo, ningunha das 55 careza de homes na directiva.

Vense casos como os de federacións con máis dun 60 % de licenzas femininas ou con candidatas a participar nos Xogos Olímpicos pero sen mulleres directivas. Porén, chama a atención o dato global: so 4 acadan o esixible 40% de mulleres no seu órgano de goberno.

U-lo título II da lei 3/2007, nomeado Políticas públicas para a igualdade? Quero lembrar que as federacións son entidades de utilidade pública, obrigadas a presentar contas e que adoitan contar cunha relevante porcentaxe de cartos públicos nos seus orzamentos. Élles por tanto de aplicación o artigo 75 da norma «…procurarán incluír no seu consello de administración unha presenza equilibrada de mulleres e homes no prazo de 8 anos a partires da entrada en vigor desta lei». Van xa 13 e alguén está a incumprir a legalidade e descoidando o seu labor de fiscalización dos recursos públicos.

Aprendín na traxectoria como presidenta dunha federación que cando unha administración quere facer algo, faino. Deixen a política de escaparate e eventos e actúen dunha vez. É o legal pero, sobre todo, é o xusto.