Marido e dobre diploma olímpico de piragüismo, David Mascato enxalza a figura de nai-deportista de Portela máis aínda que polos seus logros, polo traballo e a ilusión diarias que os sustentan
24 ago 2019 . Actualizado a las 18:21 h.Igual eu non son a persoa máis acaída para falar de Teri pola parte sentimental que nos une. O certo é que todas as súas rivais vena coma un exemplo. Se é moi, moi, moi difícil ir a uns Xogos Olímpicos, e ir a dous é a leche... O que está facendo Teri é impresionante. En piragüismo é algo moi, moi estraño. Máis nunha distancia como o 200. Eu non teño ídolos. Creo que non hai que admirar a ninguén por destacar. Pero Teri é un ídolo para min. Tanto como persoa, como deportista. Vivir día a día o seu traballo e a súa dedicación é un luxo. É unha pasada vela con 37 anos con esa forza, con esa ansia, con esas ganas de mellorar. A pesar dos anos, segue a mellorar, pulindo fallos.
Agora mesmo Teri síntese unha persoa afortunada, por poder traballar na súa contorna, coa súa familia. Se non, tería plantado. É nai, e quere ter a súa familia ao seu carón. É como se sinte ben. Ao final, un deportista non só ten que adestrar, ten que estar a gusto. Naira, a nosa filla, e mais eu acompañamos a Teri aos campionatos como animadores. Naira dálle ese extra de motivación. Ela síntese orgullosa de que a filla a vexa competir.
Teri gañou a praza do K1 200 para España en Tokio. Non sei como serán os criterios de selección da Federación Española para ocupar o barco nos Xogos o ano que vén. Pero o legado de Teri é algo que valoraremos o día de mañá como algo incrible. A posibilidade de disputar os seus sextos Xogos Olímpicos. É algo moi, moi, moi difícil. A nivel mundial pode haber algunha outra, pero serán poucas. É moi, moi, moi difícil o que fixo. A min non me sorprende. Sei que é quen diso, e de máis. Non me sorprende. Pero é admirable.