24 dos mellores surfistas desafiarán a «onda xigantesca» de Illa Pancha

s. c. / d. g. RIBADEO / LA VOZ

DEPORTES

ÓSCAR GARCÍA

Queren converter a mítica onda ribadense, a «Panchorro», nun referente mundial, coma a de Nazaré

15 dic 2018 . Actualizado a las 16:31 h.

A expectación xerada polo Illa Pancha Challenge -a grande onda do mar- atrae xa aos primeiros surfistas á Mariña de Lugo; 24 dos mellores surfistas de ondas xigantes xuntaranse para sortear unha onda só axeitada para estes profesionais, polo tamaño e pola destreza necesaria.

Segundo palabras de Óscar García, un dos organizadores, «estamos na fase de reunións con patrocinadores, televisións, provedores... e tamén comezamos xa a elaboración da proposta para que o evento na súa totalidade xere un impacto económico directamente na vila de Ribadeo. Calculamos que só para o persoal de organización, staff ténico, competidores e prensa, precisamos 70 cuartos de hotel, mais todo o que xera o público que, agardamos, presencie en vivo o evento».

«Unha das partes fundamentais deste evento -afirma- é a retransmisión en directo, que será ofrecida por un equipo de seis cámaras profesionais, un cámara acuático e drons para capturar esa imaxe que converterá a grande onda da illa Pancha, denominada Panchorro e descuberta polos vascos Ibon Amatriain e Asier Muniain, nun referente mundial. O que pretendemos é crear un evento que medre ano a ano, e que con cada borrasca no inverno sexan mais os surfistas que veñan gozar dela, seguindo o exemplo de Peniche ou Nazaré, eventos nos que colaboramos».

Onte foi un día de proba, no que o responsable do evento e campión de varias probas do mundial de surf, Eric Rebiere, aproveitou para ver en Ribadeo como se desenvolve o proxecto. Rebiere pasa parte da tempada de inverno como responsable de seguridade acuática na onda máis perigosa e famosa destes momentos, Nazaré, mais, como el di, «Galicia dispón de varios Nazaré, e nós imos amosalos ao mundo».

Na súa visita Eric Rebiere puido surfear outra onda mítica no concello de Ribadeo, unha onda que emerxe cunha forza descomunal a case un quilómetro da costa. A imaxe superior fala por si mesma.