Unha cuestión de cultura machista

Cristina López Villar

DEPORTES

Vw Pics | DPA

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para moitas persoas os mecanismos de discriminación no deporte pasan inadvertidos como consecuencia da naturalización dos mesmos. A segregación no deporte é un elemento fundamental para manter a imaxe de superioridade masculina.

Nos deportes tradicionalmente masculinos é onde se atopan maiores resistencias á entrada das mulleres, dándose a paradoxa de que nos deportes feminizados a maioría das adestradoras son mulleres.

A problemática vén dada por unha cultura machista que se manifesta tanto de forma explícita, a través de comentarios directos, como de forma sutil, cando, por exemplo, se escolle a un rapaz de peor formación por riba dunha rapaza.

Dentro das razóns que ás veces tentan xustificar a presenza de homes está a crenza de que para adestrar nunha determinada liga é importante ter xogado nela, por tanto, unha muller nunca podería adestrar nunha liga de homes ao seren ligas diferenciadas.

Este argumento, desde logo, só se aplica no caso das mulleres pois sabemos que existen moitos adestradores que traballan en ligas nas que nunca xogaron. No caso de España, e neste tipo de deportes, o rugby é unha excepción, xa que grazas ao programa Muller e Rugby do Consello Superior de Deportes, que aposta por manter vinculadas profesionalmente ás xogadoras de alto nivel que rematan a carreira como deportistas, conseguen triplicar a media nacional cun 37,5 por cento de mulleres na Liga Iberdrola. Isto demostra, xunto aos resultados acadados noutros países, que existen estratexias que permiten reducir as desigualdades no deporte.

Tamén podería pensarse que dado que o deporte está segregado é normal que elas non adestren equipos de homes, senón que o fagan só nos equipos de mulleres. Nada máis lonxe da realidade, pois os postos de adestramento en equipos femininos están copados por homes.

En España tan só un 12 por cento dos equipos de primeira división das principais ligas femininas de deportes colectivos contan con adestradoras. E no caso das seleccións nacionais, nesa mesma categoría de deportes, só hai unha muller e pertence ao equipo de fútbol sala (Claudia Pons).

Lamentablemente, as actitudes misóxinas van en contra do propio deporte, xa que, tal como demostran as investigacións, desprézase o talento de mulleres con altas capacidades só polo feito de seren mulleres.

Cristina López Villar es profesora de la facultad de Ciencias del Deporte y Educación Física y Doctora en Ciencias del Deporte