Eloi Saavedra: «Sen calidade de hábitat, non hai nada que facer coa pesca fluvial»

Pablo Gómez Cundíns
Pablo Gómez REDACCIÓN

DEPORTES

JOSE PARDO

El expresidente da Sociedade de Caza e Pesca de Xuvia, pon o foco da crise actual na inacción dos xestores: «As sancións por contaminar os ríos son de risa»

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Licenciado en Historia e Xeografía pola Universidade de Santiago (Especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía), Eloi Saavedra é pescador dende crío -con mosca dende hai 25 anos-. Directivo da Sociedade de Caza e Pesca Xuvia de 1995 ao 2017, é montador de moscas coa categoría de Artesán da pesca, e debulla un panorama dramático sobre a pesca fluvial en Galicia. «Estamos ante un desastre sen paliativos, que ven do feito de que para a Administración Galega (que é a que ten as competencias exclusivas na materia) a pesca fluvial é mais que unha oportunidade, un problema. Eu creo que ata algún alto cargo está ansioso por rematar coas preocupacións referidas a este tema».

-¿Dende cando nota o declive?

-O declive é constante dende hai varias décadas e o caso é que os que levamos moito tempo no río (no meu caso uns 40 anos) vemos que isto acábase. Se non se toman medidas, acábase.

-¿A que o atribúe o problema da pesca fluvial en Galicia?

-É un desastre multifactorial, pero é evidente que sen calidade de hábitat, non hai nada que facer. Poderemos retrasar o inevitable final mediante medidas de xestión... pero chegará... Dende a miña perpectiva coma técnico arqueólogo e que usa ferramentas de análise ambiental que asumen a intervención humana no medio creando un sistema autosustentable, todo ven da desmembración da cultura rural e tradicional que na Galiza durou ata mediados do século XX. En canto os usos relacionados có medio cambian e desaparecen, aquel equilibrio ráchase. E niso estamos...

-Comunidades como Castela-León non parecen ter sufrido este declive.

-Si e non. A situación alí é diferente porque mediante medidas da xestión (a implantación da pesca sen morte coma norma xeral pra os salmónidos) conseguiron frear o inevitable final. O estado no que están agora é mellor que o noso, pero non o óptimo, o do equilibrio de que eu falo.

-¿Cre que unha nova lei podería contribuír a unha melloría? ¿Que aspectos debería potenciar?

-Evidentemente. Estamos a usar un medio moi alterado e en crise pola actividade humana, con condicionantes e premisas de antes do cambio dos anos 60. Non podemos pensar en continuar a pescar como antes mentres non revertamos os factores que fan desestabilizar o sistema. As sancións por contaminar os ríos son de risa. Non se ten en conta na Lei a restauración dos danos por parte do infractor. Non se prevé unha análise de danos que contemple os danos á infofauna do leito do río e valídanse como elementos de proba analíticas de augas que en nada reflexan eses danos. Hai que ir a unha vixiancia colexiada entre o sistema de Axentes e Vixiantes de Recursos e a participación de voluntarios con formación específica, ó xeito da lei do Estado Chileno (gardas honorarios de pesca).

-¿Que situacións viviu que podan retratar este declive?

-O exemplo do Xallas é un paradigma de que a pesca sen morte non é a panacea máxica. Estamos a falar dun couto de pesca sen extracción, cunha vixianza suficiente (todo é mellorable) e ainda así non recupera, senón que cae en barrena. ¿Cal é a análise? Que por moito que nos empeñemos no contrario, o Xallas ten unha carga gandeira tan alta nas súas ribeiras, que a calidade de augas (puríns, fitosanitarios), non permite a recuperación do río, por moito que non se faga extracción... Hai que ir á raíz do problema.

JOSE PARDO

-¿É partidario da pesca sen morte?

-Sen dúbida de ningún tipo. É mais, no estado actual paréceme o único sistema de retrasar o inevitable final. É unha medida de xestión económica e eficaz.

-¿Cre que esta situación se pode remontar? ¿Que responsabilidade teñen os xestores e os pescadores?

-Claro que se pode rachar con este círculo vicioso. Pero pra iso os xestores teñen que recoñecer todo o que fixeron mal dende hai anos, a pesar de que se lles ten insistido nelo dende as sociedades de pesca e a Universidade, e se non cambian de actitude e arrogancia, se acaso precindir deles... A xestión das augas continentais, na etapa crítica que nos atopamos, non pode estar en ocurrencias de medidas e cupos...

-¿É partidario da pesca sen morte?

-Sen dúbida de ningún tipo. É mais, no estado actual paréceme o único sistema de retrasar o inevitable final. É unha medida de xestión económica e eficaz.

-¿Cre que esta situación se pode remontar? ¿Que responsabilidade teñen os xestores e os pescadores?

-Claro que se pode rachar con este círculo vicioso. Pero pra iso os xestores teñen que recoñecer todo o que fixeron mal dende hai anos, a pesar de que se lles ten insistido nelo dende as sociedades de pesca e a Universidade, e se non cambian de actitude e arrogancia, se acaso precindir deles... A xestión das augas continentais, na etapa crítica que nos atopamos, non pode estar en ocurrencias de medidas e cupos...

-¿Que problemática é máis grave? Polución, calidade da agua, caudal baixo ou irregular, depredarores, furtivismo...

-Ó meu ver o problema troncal é a calidade da auga (pureza e ausencia de grandes obstáculos). Os ríos pra os xestores da auga (Concellos, Xunta, Confederacións) non deixan de ser unhas canles que valen pra producir enerxía e transportar residuos fecais ata o mar. Entenderase que así non imos ben. Mentres o río non estea na cabeza desa xente coma un ecosistema complexo estamos perdidos. Dos outros elementos que acaban por interactuar, hai uns que chaman mais a atención que outros, pero non deixan de ser secundarios.

«A Administración non quere saber que pasa no río»

Saavedra entende que a Administración non aproveita aos clubes para revertir o deterioro dos ríos. «A grande maioría das sociedades están a facer unha labor exemplar contándolle á administración cales son as taras do sistema e onde están os focos contaminantes e impactos, entre outros traballos. ¿A Adminstración fainos caso? Non. O único que nos pide é documentación como para facer un proxecto de obra, pero en realidade non quere saber o que pasa no río. A proba é que as recomendacións dos Comités de Pesca son sistemáticamente desatendidas... salvo cando a medida vai en contra dos dereitos de pesca...».

-Vostede vincula a arqueoloxía do medio natural coa problemática actual de la pesca en Galicia?

-No marco teórico da Arqueoloxía da Paisaxe asumimos que a tontería esta do Medio Natural en Europa é iso: unha tontería. En realidade toda a paisaxe e as relacións significativas do Medio na Europa están mediatizadas fondamente polo home dende cando menos o Paleolítico, por acción ou por inacción. E voltando ó que contei mais arriba, esta construcción cultural creou un sistema que foi a cultura campesiña galega, que en grande parte era autosustentable e onde por falta de residuos concentrados (había vacas, pero non puríns por exemplo), químicos e ausencias de obstáculos insalvables, tiña uns ríos altamente productivos. Cando rachamos cunha parte da construcción , o resto cae en cadea. De feito sempre enfoco o tema dos obstáculos tradicionais (represas de muiño) e a súa falta de impacto dende o punto de vista de que en realidade veñen a sustituir outras represas naturais: as dos castores. A falta de coherencia do sistema actual, con grandes represas, verquido de agroquímicos e residuos gandeiros, humanos e industriais concentrados, é o fin da sustentabilidade. Os residuos antes estaban dispersos e a autodepuración facía o resto. Iso é hoxe imposible. Todo vai a unha depuradora dende os anos 80. Cando falla, desastre.

-Se ben esta problemática afecta a todos, existe una diferencia de enfoques á hora de concebir a pesca (deportiva, recreativa, tradicional, ambientalista...). ¿Hai algunha máis responsable que outra?

-Non o creo. En todo caso hai unhas mais inconscientes que outras. Todo o mundo pode ter unha opinión, pero non necesariamente criterio. Cantas veces hai técnicos de taberna que non saben nin como freza unha troita? Esa xente sen coñecementos e sin escoitar o que di a Ciencia, debe ter capacidade á hora de abordar o problema? 

-¿Hai conciencia deste problema?

-Creo que si. O que me preocupa é que a xente que ten o seu modo de vida na pesca fluvial, e que teñen esa conciencia, non vaia á admistración, asociados ou non, e pete na mesa expoñendo que o seu modo de vida está en perigo. Negocios de hostalería e tendas de pesca que facturaban o 50% do anual neste concepto, ven o desastre e non piden responsdabilidades, simplemente cambian de consumidores. Os galegos somos así, de non enfrontar os problemas, senón de emigrar.

-¿Que valor engadido ten a pesca como actividade económica (turismo, por exemplo) ou sostible?

-No actual momento, cando o turismo rural penso que acadou a cuota de mercado que podía acadar, e que o agro ten problemas por todas partes, podía ser unha transferencia de recursos vital pra o mantemento de povoación no rural. De feito, o concepto de turismo rural llo explicaron os directivos da Asociación Galega de Pesca Fluvial ós técnicos da Xunta hai uns 30 anos ensinándolles un cotagge escoces... Lamentablemente quedáronse soamente có do bed & brekfast...