Guinda a un espectacular pastel

Gustavo César Veloso

DEPORTES

28 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A etapa na que Froome se vestíu de rosa neste Giro de Italia é desas etapas que se van recordar durante moitísimos anos entre os afeccionados ao ciclismo. A nivel estratéxico estivo moi ben. Co Sky deixando a rivais sen compañeiros mentres o seu xefe de filas lle poñía a guinda ao pastel dun Giro espectacular. Tanto Froome como o Sky demostraron que cando teñen que ser agresivos para gañar unha carreira, tamén o son. Moitas veces foron criticados por outros equipos, que dicían que non podían atacar porque bloqueaban a carreira. No Tour os rivais de Froome agardan ao último momento para tentar gañar a xeral, agardan aos tres últimos días, ao último porto para atacar. Queren gañar o Tour, pero non perder o segundo ou terceiro posto no podio. A diferenza é que Froome atacou a 80 quilómetros de meta. Cando se corre sen ese medo a perder o segundo ou o terceiro posto, cando se corre a gañar sen nada que perder, é cando se ven etapas tan bonitas como a do outro día, que é o que á xente lle gusta. Iso demostra que Froome é un grandísimo corredor. Con todo o que está a pasar, chegar ao Giro, e render a ese nivel, non é nada doado. Fixo unha primeira semana en menor forma do que soe estar. Pero el foi ao Giro pensando en gañar o Tour. Podes gañar o Giro máis facilmente, pero perder o Tour. Fixo unha carreira intelixente, de menos a máis. Na contrarreloxio quizais perdeu máis tempo do previsto nel, pero ao final está claro que terminou o Giro pletórico, e un punto por enriba dos demais. Isto é algo moi complicado de facer, e hai que ter tamén un pouquiño de sorte, sen pinchazos, sen problemas mecánicos. O que lle chaman a sorte do campión, que tamén hai que buscala.

Máis aló de Froome, a maior sorpresa deste Giro, o rendemento de Yates. Un chaval que xa non é tan chaval. Chegou ao Giro nunha condición física sorprendente, practicamente non entraba nas quinielas de ninguén. Afundíuse nos dous últimos días do Giro. Nun futuro ten que ser un corredor a ter en conta; no momento no que saiba xestionar mellor as tres semanas. Hai que ver se segue a manter a progresión dos últimos anos.

Respecto aos ciclistas españois, fixeron un Giro á súa altura e segundo as súas funcións nos seus equipos. Non se lles podía pedir máis. Houbo gañadores de etapa, españois metidos en fugas. Foi un bo resultado. Cada español estivo no seu nivel, e fixo ben o seu traballo.