Diego Romero aspira a viaxar a Tokio como zapador do Exército

DEPORTES

EMILIO MOLDES

04 ene 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

«Teño 27 anos, e tamén teño que mirar pola miña vida». Diego Romero explica por que un canoísta que quedou a un palmo xusto de cruzar a porta de entrada aos Xogos Olímpicos de Río ingresará o vindeiro luns no cuartel da Brilat, en Figueirido, Pontevedra, para iniciar a súa carreira militar. Unha profesión que lle proporcionará a seguridade e a estabilidade que nin a Real Federación Española de Piragüismo coa súa deficiente política de apoio aos deportistas de elite, nin a mediana e grande empresa privada lle concederon ao chamado a tentar encher o gran baleiro deixado polo pentamedallista olímpico David Cal no C-1 1.000. Con todo, Romero, padexeiro do Breogán do Grove, confía en poder compaxinar as dúas carreiras, e cumprir o seu soño de competir nuns Xogos na edición de Tokio 2020 en calidade de zapador do Exército. «O 2018 vai ser un ano de transición. Non sei como vou respostar este ano. Ao final da tempada decidirei se pelexo por Tokio 2020», comenta o arousán nacido en Cuntis e desde o 2012 afincado en Boiro.

O primeiro condicionante é a adaptación de Romero á súa nova ocupación. Unha profesión militar que comezou explorar cando, conta, no 2013 se presentaba por vez primeira ás correspondentes oposicións. «O ano que máis as preparei foi o 2015, pero caera dunha moto e partira unha man unha semana antes das probas físicas. Este ano ?2017? tomeino tranquilo, pero debe de ser que da preparación dos anos anteriores algo quedou», di. O pasado maio era un dos 8.000 aspirantes a unhas 2.000 prazas en superar o exame teórico. Arredor dun mes despois pasaba a peneira física. E o 26 de agosto entraba na academia de Cádiz para proceder á súa formación básica, que completou o 21 de decembro. Agora, e tras conseguir unha nota que lle permitíu escoller o corpo de zapadores de Figueirido, para o que só se ofertaran 20 prazas, o arousán explica que «me quedan dous meses para perfeccionar a especialidade».

Bienio negro

A súa praza no Exército compensou o bienio negro arrastrado por Diego Romero nas pistas. No 2016, por ese duro golpe de verse a un posto da clasificación para os Xogos de Río no Preolímpico Europeo, e descubrindo despois como «o moldavo Tarnovsky, bronce na final do C-1 1.000, foi descualificado por dopaxe en Río; se o tiveran cazado antes a praza tería sido para min», láiase o galego. Un golpe ao que lle seguiría no 2017 unha rotura de fibras a unha semana do selectivo para o C-1 1.000 español no Campionato de Europa, que gañou o poiense Adrián Sieiro. Máis tarde «cheguei a gañar de novo o Campionato de España, quince días antes do selectivo para o Mundial, pero aquí non cheguei en perfectas condicións», admite.

De volta ao presente, a formación de Romero en Cádiz retrasou o inicio da súa pretempada con tres meses de retraso. «Non sei como vou respostar». A súa preocupación, non serán tanto os resultados, como a disponibilidade para adestrarse.