Mil directivas máis


Quince anos despois de que eu chegara á presidencia da federación de taekuondo, segue habendo dúas únicas presidentas por cincuenta e seis homes ostentando ese cargo nas federacións galegas; tamén entre as sesenta e seis federacións españolas hai so dúas mulleres á fronte. O número dous é o limitado récord das mulleres no acceso a postos de representación no deporte.

É isto un reflexo da sociedade? Rotundamente, non! Na universidade somos máis da metade, representamos o 44% do parlamento, hai un 30 % de directivas no Ibex 35, máis dun 20 % das licenzas federativas son femininas, hai un .escaso. 13 % de alcaldesas... Bastan algúns datos para concordar que o deporte segue a ser o reduto dos irredutíbeis, o escenario no que se toleran situacións que, de facto, resultan insoportables noutros ámbitos sociais, como este exiguo 3 % de mulleres presidentas.

Lembro que no 2002, como candidata á presidencia da Federación Galega de Taekuondo, tiven que escoitar, con disimulado abraio, aquela frase: «¿Y tú crees que siendo mujer las instituciones te van a tomar en serio?». Tamén o amable paternalismo dalgúns colegas galegos e a aberta hostilidade coa que fun recibida na federación española por directivos partidarios do mantemento do statu quo patriarcal e, como non, tamén o aberto apoio doutros. Non nos foi mal, pero se algo me fai sentir fachendosa foi contribuír a que as competidoras galegas sexan hoxe adestradoras, seleccionadoras e directivas do meu deporte. Rachar co teito de cristal que coutaba a grandes deportistas -grandes polos seus logros e a súa formación- e as limitaba a desaparecer cando deixaban de competir.

Lamentablemente, as mulleres galegas seguen a carecer hoxe de referentes que lles permitan imaxinarse en postos técnicos ou directivos. Nuria Rodríguez Suárez e Carmen Barro Pita, flamantes presidentas das federacións galegas de Salvamento e Socorrismo e de Karate desde 2005 e 2009, respectivamente, son a excepcional excepción -aproveito para enviarlles os meus parabéns e moitos ánimos- que pode e debe corrixirse.

É tempo de deseñar xa políticas audaces que permitan ás mulleres ocupar o espazo que lles corresponde. As mulleres deportistas non merecen estar soas nesta loita contra a desigualdade. É de xustiza que as institucións se involucren e cumpran as directivas e recomendacións europeas para a construción dunha sociedade máis igualitaria. Algunhas medidas, sen custo para o erario público, funcionarían: unha, modificar os baremos de reparto de subvencións bonificando abondosamente a aquelas modalidades que conten con cadros técnicos e directivos que tendan á paridade. Marta Míguez, estimada colega, ten vostede unha fermosa labor por diante: sementar moitas directivas máis para o deporte galego.

(Merce Barrientos é a presidenta en funcións de Mulleres Deportistas Galegas (Mundega) e foi presidenta entre o 20034 e o 2014 da Federación Galega de Taekuondo)

Votación
0 votos
Comentarios

Mil directivas máis