«Dei un paso atrás para dar tres adiante, e estase cumprindo»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

Hugo Alvarez Garcia (c)

O excéltico logrou o ascenso a Segunda División con Oviedo, no que continuará

03 jun 2015 . Actualizado a las 11:41 h.

Jonathan Vila (O Porriño, 1986) viviu a pasada fin de semana unha alegría maiúscula. Vestindo as cores do Real Oviedo, ao que chegou a tempada pasada, acadou o ascenso a Segunda División tras superar ao Cádiz. Logo dunha tempada longa, o futbolista declárase feliz e disposto a pelexar agora polo ascenso dos ovetenses a Primeira.

-¿Que sensacións lle quedan logo de conquistar o ascenso?

-As sensacións, dende que cheguei aquí, foron moiboas. Aquí demostrouse dende o primeiro día que iamos a por todas e contambamos co apoio da xente, desprazándose ata 4.000 persoas a moitos partidos. Xogamos case todos os encontros como locais porque a xente tiña unha ilusión enorme por subir. Agora que o conseguimos, estamos felices. 

-¿O ascenso confirma que deu un paso atrás para coller impulso?

-Si. Cando decidín xogar en Segunda B  era unha aposta importante, porque era un momento importante da miña carreira. Ao principio non foi sinxelo, pero sempre pensaba que ás veces hai que dar un paso atrás para despois dar tres adiante, e iso semella que se está cumprindo.

-¿Que foi o máis difícil e o máis sinxelo do último ano?

-O máis difícil da tempada era cando nos tocaba xogar como visitantes, polo tema dos campos, eran todos  difíciles. O máis sinxelo foi a adaptación á cidade, é case como se estivese na casa, e ao equipo. O Real Oviedo faite  esquecer que estás en Segunda B.

-Acostumado a xogar en Segunda e Primeira División, ¿non acusou en exceso o cambio de categoría?

-Ao principio fáiseche un pouco raro, pero unha vez que entras no Real Oviedo, só te das conta diso cando vas xogar fóra da casa. Aquí, o día a día, tanto por afición, medios, e demais, é dun equipo de Primeira División.

-¿Levou algunha sorpresa, futbolísticamente falando?

?En Segunda B hai grandes xogadores. Sempre te sorprende algún xogador ao que ves para estar moito máis arriba.

-A eliminatoria contra o Cádiz foi máis propia dun partido de Primeira.

-Si, tanto pola nosa parte como pola deles. Son dous equipos históricos que podían estar perfectamente en Primeira, pero que estiveron pasando un mal momento. Foron partidos moi bonitos para desfrutar. Esa era unha das premisas dende o primeiro momento, que tiñamos que desfrutar desta oportunidade porque así sairían mellor as cousas, e así o conseguimos.

-¿Para o ano vai a seguir vestindo a camiseta do Oviedo?

-Si, continuarei. O trato comigo dende o club foi exquisito e estou moi contento.

-Volta a Segunda División, onde desfrutou e sufriu co Celta. 

-Si, é unha división que coñezo ben polos anos que estiven co Celta. Vai ser un equipo distinto, pero tentarei facelo de novo o mellor posible e tentarei volver a ascender co Oviedo.

-Formouse e medrou como futbolista no Celta. ¿Segiu a tempada do equipo?

-Si, por suposto. Para min foi unha tempada excelente, pero foi unha mágoa que a pesar de xogar ben e ter ocasións non entraran goles neses partidos, senón estaríamos falando dun Celta europeo. Pero a verdade é que deron un paso adiante e penso que o ano que vén van loitar por estar nesa competición. Meréceno pola tempada que fixeron e o esforzo.

-¿Cal é o próximo obxectivo que se marca?

-Pois  tentar facelo o mellor posible con este equipo e ogallá poida estar con este club e esta afición en Primeira.