Os irmáns Paz presentarán este sábado no Concello o seu proxecto 2015

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

14 ene 2015 . Actualizado a las 04:58 h.

Carlos e Antón Paz partirán este domingo cara Miami, onde permanecerán ata o 12 de febreiro para participar na segunda proba do Circuito Mundial de Clases Olímpicas, a Miami Rolex, e nunha competición noutra localidade do estado de Florida na que no mes de xaneiro do 2016 se disputará o segundo mundial en dous meses, que decidirá o nome do 49er español nos Xogos Olímpicos de Río.

Todo o camiño que percorrerán os irmáns do Liceo Casino será explicado por eles mesmos un día antes da súa partida, o sábado a partir das 12 na casa consistorial de Vilagarcía. Un acto ao que veñen de convidar a todas as institucións e empresas que están a colaborar no proxecto deportivo co que o pasado mes de setembro acadaban a praza para España no 49er dos Xogos de Río, e que agora os apoian para que sexan a tripulación que represente a RFEV como mellor barco hispano nos dous vindeiros mundiais. Un camiño para o que inda precisan 30.000 euros dun patrocinador principal.