«Todos os equipos da Mariña reciben axudas da área de Deportes da Deputación»

A.L. BURELA / LA VOZ

DEPORTES

Veiga, nunha rolda de prensa recente na Deputación de Lugo.
Veiga, nunha rolda de prensa recente na Deputación de Lugo.

10 ene 2015 . Actualizado a las 05:30 h.

O mariñán Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, é un acérrimo seguidor do Burela-Pescados Rubén Fútbol Sala. É moi habitual velo no palco do Vista Alegre, tanto nas citas do equipo masculino coma nas do feminino.

-¿De que saúde goza o deporte da Mariña?

-Eu creo que goza de moi boa saúde, xa que temos representantes en practicamente todas as disciplinas deportivas que existen. Contamos cun tecido de clubs e asociacións deportivas que xa lles gustaría ter a moitas cidades e, ademais, os resultados están acompañando a moitas destas entidades e deportistas.

-E nestes resultados, os conxuntos do Burela-Pescados Rubén ocupan un lugar principal.

- A verdade é que manter dous equipos de elite na comarca era algo impensable hai uns anos e aínda o era máis pensar en que estes puideran conseguir títulos e xogar play-offs, como xa teñen feito os dous conxuntos do Burela-Pescados Rubén. É importante lembrar que o conxunto feminino do Burela FS foi o primeiro de toda a provincia que logrou un campionato de Liga a nivel estatal e aínda por riba ese ano coronouno coa vitoria na Copa de España. A traxectoria destes equipos ten que servirlles de espello aos rapaces e ás rapazas que están comezando, para que podan ver que con traballo, esforzo e ilusión se pode chegar ao máximo.

-E o conxunto masculino estrearase tamén este ano na Copa de España

- Si, creo que estar o vindeiro mes de marzo en Ciudad Real é outro grande éxito. Non é doado situarse entre os oito primeiros da mellor Liga do mundo e o conxunto que prepara Juanlu Alonso conseguiuno. E logrouno ademais dun xeito que creo é de salientar, apostando por rapaces saídas da súa propia canteira, como é o caso de Iago Míguez, Carlitos, Hélder ou Renato. A progresión destes rapaces e ver que rapaces de Burela están competindo cos mellores do mundo ten que facernos sentir moi orgullosos.

-¿Como apoia a Deputación ao deporte da Mariña?

-Todos os equipos das distintas disciplinas deportivas existentes na comarca reciben axudas por parte da área de Deporte. É importante subliñar que a Deputación de Lugo destina tres millóns de euros ao ano ao fomento do deporte na provincia e que é a administración provincial de todo o Estado que máis cartos destina por habitante a este eido.

-E non todo é fútbol ou fútbol sala.

-Por suposto que non. Dentro dos obxectivos que nos marcamos nos últimos anos desde a Área de Deportes está impulsar as disciplinas minoritarias e con esa meta puxemos en marcha o apoio ás carreiras de atletismo, a promoción de deportes como o triatlón polos centros educativos ou a recuperación de deportes náuticos como o remo ou o piragüismo. Todo este traballo levado a cabo nos últimos anos estase vendo en forma de resultados positivos para o noso deporte, xa que hai moitos equipos da comarca que están acadando grandes éxitos deportivos e o número de deportistas e participantes non deixa de medrar nas distintas competicións. Sirva como exemplo o caso do piragüismo, no que a posta en marcha da Copa Deputación supuxo duplicar o número de licenzas deste deporte na Mariña e no resto da provincia.

-No tocante ás infraestruturas, ¿a Vicepresidencia Primeira tamén está colaborando cos clubs e asociacións deportivas?

-Si, estámolo facendo na medida das nosas posibilidades. Nos últimos anos acometeuse a mellora das instalacións de moitos campos, a posta do céspede artificial nalgún deles, dotouse a Ribadeo dun novo pavillón de deportes, entre outras actuacións. Así mesmo, nos próximos meses executaranse en Foz as obras de arranxo das cubertas das gradas do estadio Martínez Otero e das instalacións que ten o Club Kayak, que estaban moi deterioridadas. Son unhas melloras que xa se levaron a cabo nas dependencias do Club de Remo Ribadeo. A nosa intención é facilitarlle a todos os rapaces e rapazas da comarca a oportunidade de medrar facendo deporte.

-¿A igualdade tamén chegou ao deporte?

-Creo que estamos camiño de conseguilo. Polo menos desde a Área de Benestar e Deporte estamos traballando  arreo para tentar que, polo menos no caso da Mariña e do resto da provincia, as nenas e rapazas teñan as mesmas oportunidades que os deportistas masculinos da súa idade. E creo que pouco a pouco tamén se van vendo os resultados. Ademais do Friol, que é un clásico do fútbol galego, nos últimos anos apareceron novos equipos femininos na provincia como o da Milagrosa ou o Monte Forte. E no caso do fútbol sala, aí está o exemplo do Burela-Pescados Rubén, pero non debemos esquecernos do Viveiro FSF e do Ribadeo FSF, auténticos impulsores da práctica do fútbol sala feminino na nosa comarca e que xa levan moitos anos ofrecéndolle ás nenas e rapazas da súa zona a posibilidade de gozar do seu deporte favorito.

-¿Que iniciativas teñen en marcha para que o deporte chegue a todas as capas da sociedade?

-Actualmente está en vigor o programa Mo-vémonos, co que tentamos de fomentar a actividade física como fonte de saúde. Moitas das beneficiarias son mulleres maiores do rural, que habitualmente teñen moi lonxe un ximnasio ou un lugar no que facer exercicio. E tamén se ven beneficiadas do mesmo moitas asociacións que traballan no ámbito do Benestar, como colectivos de persoas con necesidades especiais. Participan preto de 30 asociacións e unhas 500 persoas de toda a comarca. No pasado mes de decembro houbo unha xuntanza en Mondoñedo que demostrou a boa acollida que tivo este programa, xa que foi un auténtico éxito de participación con máis de 250 persoas inscritas.