Ao chegar ao ecuador todo está por decidir

Pedro Gómez

DEPORTES

17 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando xa nos atopamos a piques de chegar ó ecuador da competición, podemos facer un pequeno balance do que leva acontecido. Comezando pola parte de abaixo, vemos que tanto Monte Louro coma Camelle amosan moitas dificultades para abandonar os postos directos de descenso. Despois atopámonos cun grupo de seis equipos (Cabana, Carnota, Ponteceso, Camariñas, Sp. Seaia e Cee) que parecen que pelexarán por escapar dos posibles arrastres que veñan da Primeira Autonómica. Na zona morna, atópanse equipos coma Fisterra ou Porteño, que non deberían pasar apuros. E xa na parte alta, temos ós equipos que loitarán polos dous postos de privilexio (San Lorenzo, Sp. Zas, Castriz, Outes, Volantes, Buño, Mazaricos e Baíñas). Con respecto ó San Lorenzo, o que eu dirixo como adestrador, a tempada está sendo moi positiva tanto a nivel de xogo como de resultados. E agora mesmo existe unha comuñón perfecta entre equipo e afección. Mantense o bloque do ano pasado reforzado con xogadores moi novos, moitos da parroquia de Berdillo.

A pesar de que estamos na liña a seguir, queda moito traballo por diante, xa que equipos coma Sp. Zas, Castriz ou Outes manteñen unha gran regularidade. Xa para rematar, facer mención especial á Liga da Costa, para min a máis fermosa a nivel do fútbol afeccionado. A todo isto contribúe a ilusión que aportan tódolos clubs que a compoñen e ó ambiente que se respira en cada campo, con moita afluencia de público, pero sobre todo con moita paixón.