Iván Amarelle: «Demos un paso adiante, nótase a madurez ao xogar fóra»

Considera que ter unha plantilla coñecida é unha vantaxe no arranque ligueiro


vigo / la voz

Sen facer barullo, o Balonmán Cangas está a protagonizar unha primeira volta meritoria que mellora as expectativas xeradas antes do comezo da Liga. Boa parte do éxito do equipo radica na súa capacidade para sumar lonxe do Gatañal, un cambio radical respecto a tempadas anteriores que para o lateral Iván Amarelle (Coristanco, 1991), se explica na madurez que adquiriron os xogadores nas dúas últimas tempadas.

-O sábado gañaron a domicilio ao Aragón e xa suman fóra da casa a metade dos 14 puntos que acumulan.

-Gañamos en Gijón, en Sagunto, agora en Aragón e empatamos en Zamora. Non está nada mal. Comparado co primeiro ano que estiven aquí [hai dúas tempadas], melloramos moitísimo. Antes custábanos moitísimo gañar fóra do Gatañal, pero demos un paso adiante e nótase a madurez á hora de xogar fóra. Os xogadores fomos gañando en experiencia e esa bagaxe déixase sentir á hora de afrontar os partidos.

-Como locais semellan seguir ao mesmo ritmo, só perderon co imbatible Barcelona e o empataron co Ademar.

-Si, deixamos escapar un punto ante o Ademar, pero tamén porque é un gran equipo. Non hai que darlle moita importancia a ese puntiño que se nos escapou porque foi ante un equipo que está xogando en Europa. Se perdemos algún punto na casa e o recuperamos fóra, non pasa nada.

-Once partidos, catorce puntos e un quinto posto na táboa. Non está nada mal como balance.

-Non, non está mal, pero aínda é cedo para facer valoracións.

Imos polo bo camiño, estamos facendo unha grandísima primeira volta, pero temos que ir pouco a pouco, non vaiamos levar un susto como a tempada pasada, que despois de facer unha primeira volta espectacular, fixemos unha segunda bastante discreta.

-¿Era previsible un arranque así?

-Non, nin era agardado este ano nin o ano pasado, pero están saíndo as cousas ben. O equipo está sendo competitivo e estamos sacando adiante os partidos, pero non podemos confiarnos. En Aragón gañamos dun gol despois de ir con vantaxes de ata catro, e xa nos pasou en máis partidos. Tras ter rentas cómodas, metémonos apretos. Temos que competir ao cen por cen de principio a fin e non baixar os brazos nunca.

-O Cangas e o Benidorm están nun top 5 de clubs de renome e presupostos ambiciosos. ¿Que ten este equipo para saír adiante?

-Sobre todo na primeira volta nótase moito que temos unha plantilla que nos coñecemos ben. Outros equipos nos comezos de curso teñen que acoplarse, algo que a nós non nos pasa. Temos un equipo compacto, coñecémenos ben e é unha vantaxe. Ademais temos un grupo moi unido no vestiario, e tamén se nota.

-¿Satisfeito no apartado persoal?

-Si, estou vivindo a miña mellor tempada no Cangas, sobre no inicio estaba facendo bos partidos. Agora, tras a lesión no cóbado, estou recuperando outra vez a sintonía e estou atopándome ben, pero sempre hai marxe de mellora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Iván Amarelle: «Demos un paso adiante, nótase a madurez ao xogar fóra»