A Federación confirma o C-2 do Breogán barco prioritario para Río

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

Tono Campos e Diego Romero recibirán un respaldo decidido para poder optar á praza olímpica

17 sep 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

«El C-2 1.000 de Tono Campos y Diego Romero parte como proyecto prioritario para la Real Federación Española de Piragüismo en el 2015». Dío Narciso Suárez, o coodinador dos programas nacionais de tecnificación e de introdución no alto rendemento, e un dos tres altos representantes da RFEP, co seu presidente á cabeza, na fin de semana de traballo celebrada os pasados sábado e domingo en Madrid cos adestradores dos padexeiros do Programa ADO e de proxectos orientados á participación nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016; como o de Campos e Romero.

O técnico da parella do Breogán do Grove, Luis Otero Padín, foi de feito un dos asistentes ao cónclave madrileño, no que se definiron as bases dun calendario de traballo axeitado ás necesidades das principais bazas hispanas na carreira pola vindeira cita olímpica. Entre elas, di Suárez, a canoa da parella arousá.

O directivo da RFEP manifesta que Campos e Romero «han estado bien en el Mundial» do mes pasado, no que asinaron a súa segunda presenza consecutiva na Final B. Un resultado insuficiente de repetirse o vindeiro ano á hora da pelexa polas primeiras prazas de clasificación en xogo para Río 2016. «Todavía les falta un poquito para estar en la Final A», engade Narciso Suárez, «pero para ello están trabajando», agora con todo o respaldo institucional por parte da Real Federación Española de Piragüismo.

O coordinador dos programas nacionais de tecnificación e de introdución no alto rendemento, e un dos homes fortes na política de traballo cos deportistas da RFEP confirma que o C-2 breoganista contará no 2015 cunha dobre liña de axuda desde Madrid, como xa a tivera no presente ano, subliña; cunha bolsa económica tanto para os dous deportistas como para o seu adestrador, Luis Otero Padín, a fin de asegurarlles unha estabilidade mínima que lles permita centrarse exclusivamente en medrar como embarcación ata situarse entre os seis mellores C-2 1.000 do mundo. A cantidade queda por fixar, pero desde o órgano federativo prevése un incremento dada a importancia do 2015 no calendario deportivo piragüista.

De feito, o cónclave da pasada fin de semana estaba pensado para deseñar un calendario amoldado ás grandes citas internacionais. Así, e logo de escoitar os adestradores presentes, decidíuse fixar en marzo o selectivo para o Europeo de Pista de maio, ao ser a cita continental a comezos de maio prioritaria para todos os barcos hispanos. O selectivo para o Mundial faráse en principio por bloques de embarcacións, quedando o Nacional de novo para final de tempada.