O Club de Remo Celeiro loita por volver con máis forza ca nunca

M. ALBO VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

CEDIDA

Retomou a actividade da man da ACD Penalba-Colectivo Chilindrín no ano 2012

27 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Club de Remo Celeiro voltou a organizarse no 2012 despois de case dez anos sen participar en competicións oficiais. Os veteranos do club mantiveron a chama, organizando todos anos nas festas patronais unha regata entre equipos afeccionados, pero foi realmente o pulo da ACD Penalba-Colectivo Chilindrín, que tiña como reto poñer en funcionamento o club de novo, o que logrou que a ilusión polo remo renacese nesta vila mariñeira e os bateis volvesen á auga durante todo ano e non só en xullo.

A filosofía da asociación celeirense é, por riba de todo, ofrecer unha nova actividade deportiva aos seus veciños, desde os máis pequenos ata os máis maiores, ademais de tentar reverdecer vellos laureis, un obxectivo que, a tenor dos resultados obtivos nestes dous anos tralo rexurdimento, van camiño de conseguir.

Máis de 20 remeiros e remeiras

Neste primeiro pulo tivo moito que ver o ferrolano Marcos Peña, que foi o adestrador escollido pola directiva para afrontar o reto de retomar a actividade e facer unha captación de novos deportistas entre os máis novos. Pese á súa xuventude naquel intre -23 anos-, Peña xa contaba cunha ampla experiencia en tripulacións de históricos como Amegrove ou Perillo. Logo de ofertar clases de iniciación e perfeccionamento, a entidade de Celeiro conseguiu xuntar un bo número de remeiros e remeiras.

Aposta pola canteira

Tras un ano moi intenso, o relevo de Marcos Peña tomouno un rapaz da casa, Pablo Piñeiro Rey, de 29 anos. Remeiro nas categorías inferiores do club e membro da tripulación sénior, ten a difícil misión de manter a nómina de compoñentes e tentar aumentala, aínda que desde a directiva detectan que cada día é máis complicado «implicar á xente», sinala Jesús Fernández.

Esperan que factores como a celebración da Bandeira da Mariña e o renacemento do Club de Remo Ribadeo, algo que ven moi positivo, «xa que non hai a rivalidade existente noutros deportes», axuden nesta tarefa.