Un olímpico sementando soños en terras vilagarciás

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O decatleta nos Xogos de Atenas 2004 e de Pekín 2008 David Gómez impartíulles unha clase maxistral aos alumnos da escola de verán da Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía

13 ago 2014 . Actualizado a las 06:52 h.

Récordman de España e subcampión do mundo júnior no ano 2000; olímpico nos Xogos de Atenas 2004 e de Pekín 2008. Aos seus 33 anos o decatleta vigués David Gómez está lonxe de pensar na retirada, logo de quedar a menos de 100 puntos da marca mínima para acceder á gran cita de Londres 2012. Onte os 16 rapaces da primeira escola de verán ofertada pola Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía de Arousa puideron aprender dun mestre de luxo nas pistas de Fontecarmoa. E o que é máis importante inda, recoller a semente de soños dun apaixoado do seu deporte.

Só así se entende o sacrificio de quen ten que preparar ao máximo nivel a combinación das probas de 100 metros lisos, 110 vallas, 400 e 1.500 metros, lanzamentos de peso, de disco e de xabalina, e saltos de lonxitude, de altura e de pértiga.

Onte David Gómez só impartíu clase desta última especialidade entre uns cativos abraiados polo que lles contaba un home que xa acadara algúns dos seus maiores éxitos antes de naceren eles. Responsable dun grupo de perteguistas de elite, Gómez contou coa axuda de Éric Calvo e de Miguel Cajaraville, dúas das maiores promesas do atletismo galego.