Os Paz finalizan a Kieler Woche no posto 29 logo doutra xornada en branco

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

A falta de vento impedíu a competición en Alemaña no grupo do barco do Liceo Casino de Vilagarcía

25 jun 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

Pouca marxe de manobra e de traballo tiveron Carlos e Antón Paz na Kieler Woche, a súa cuarta e derradeira gran cita internacional da tempada antes de encarar os dous grandes retos deste 2014: o Europeo de Helsinki do vindeiro mes, e o Mundial de setembro en augas de Santander, aquí coas primeiras prazas por países en disputa para os Xogos Olímpicos de Río 2016.

Se as inclemencias meteorolóxicas lle impediran o pasado domingo saír a frota de 49er a navegar, onte foi a ausencia de vento a que obrigou o Grupo Prata da parella do Liceo Casino de Vilagarcía a ver consumir a súa derradeira xornada en augas alemanas desde terra. Así as cousas e logo dos seus dous brillantes primeiros postos do día anterior, Carlos e Antón Paz concluíron a Kieler Woche no posto 29 dunha clasificación xeral con 62 unidades, e no cuarto do Grupo Prata con 52 puntos, a 18 do barco tripulado polo danés Jonas Warrer, líder dos que quedaron fora das 25 mellores tripulacións tras o primeiro corte. Os asturianos Federico e Arturo Alonso Tellechea loitan hoxe por subirse ao podio, iniciando quintos a medal race.

Antón Paz manifestaba onte a modo de conclusión que «de lo poco que hemos podido navegar -sete mangas-, podemos decir que nos hemos encontrado cómodos con la velocidad del barco. Las condiciones límite del primer día y la manga de la mañana del tercero nos han impedido estar luchando por los puestos de medal race. Pero nos vamos con buenas sensaciones al Europeo de Helsinki». Ata aló voarán desde Galicia, a onde regresan agora, o 3 de xullo para adestrar na capital finesa os tres días previos.