A terceira Ruta do Albariño voltará reunir esta fin de semana o pelotón galego Júnior e Sub-20

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

A proba repite formato, con cronoescalada ao Alto de Busto e dúas etapas en liña con saída e con chegada en Meaño e en Cambados. O Arte Transfer de León, o Muta de Levante alacantino e o Spiuk madrileño, entre os participantes

19 jun 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

A Federación Galega de Ciclismo vén de apostar por terceiro ano consecutivo polo Salnés como punto estratéxico do seu calendario nesas dúas categorías de formación tan importantes para a continuidade do deporte das dúas rodas na comunidade. Novamente coa colaboración do C.C. Cambados, a Federación organiza esta fin de semana a terceira edición da Ruta do Albariño. Unha proba que mestura corredores júnior e Sub-20 en contra do que é habitual, cos segundos encadrados no groso das probas oficiais xunto cos ciclistas elite. Deste xeito búscase, alomenos durante un par de días, compatibilizar que ciclistas de 17, de 18 e de 19 anos, separados por categorías coa maioría de idade, poidan medir as súas forzas nas estradas en carreira oficial.

A Ruta do Albariño repite formato de competición, e tamén percorrido. Con dúas etapas, con tres sectores, e con Meaño e con Cambados coma puntos neurálxicos.

Así, o sábado o pelotón arrincará a carreira cunha cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto do Busto, cos ciclistas partindo cun intervalo dun minuto entre si. O primeiro en tomar a saída faráo ás once da mañá

Ás catro da tarde do mesmo día afrontaráse un sector en liña, de 54 quilómetros, con saída e con chegada en Meaño. O percorrido continuará por O Pazo, Dena, Vilalonga e A Revolta ata a primeira das dúas metas voltantes, situada na rotanda da rúa Xoán XXIII do Grove. De aí continuaráse por A Balea, San Vicente, Pedras Negras, A Lanzada e unha nova meta volante en Portonovo, para chegar a Sanxenxo e enfiar por San Benito para atravesar Meaño, O Pazo, Dena e coñecer o gañador.

O domingo serán 69 os quilómetros da segunda e derradeira etapa do tríptico Ruta do Albariño. Un Cambados-Cambados en forma de circuito de 23 quilómetros e tres voltas ao mesmo, que atravesará Vilariño, Pontearnelas, Leiro, Ribadumia (con metas volantes nos quilómetros 12 e 35 de carreira), Padrenda e O Pazo para voltar a Cambados.

Desde a Federación Galega de Ciclismo confirman a presenza da totalidade do pelotón galego na Ruta do Albariño, do que o ano pasado saía o gañador na figura de Anxo Lorenzo, do C.C. Padronés-Aluminios Cortizo. Ademais, nas estradas do Salnés veránse alomenos tres formacións de fóra da comunidade galega, coa confirmación da presenza na lista de inscritos das promesas júnior e Sub-20 do Zugor-Arte en Transfer de León, Muta de Levante de Alcoy, e o Sanse Spiuk do madrileño San Sebastián de los Reyes.