«Ascender a Segunda División B era un reto persoal que tiña»

José Manuel Ferreiro Negreira
José M. Ferreiro CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

Foi xogador, pero xa leva nove anos na arbitraxe

14 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Óscar Martínez Santos (Cabana de Bergantiños, 1985) logrou despois de nove anos de arbitraxe o ascenso a Segunda División B de fútbol español para a vindeira campaña 2014-2015. Óscar, licenciado en Comunicación Audiovisual en Santiago, e un colexiado tranquilo no terreo de xogo, temperamental, con boa preparación física e partidario do diálogo. Os seus 1,84 metros de estatura impón. Despois de catro tempadas na Terceira División e un intento falido o ano pasado estreará categoría na próxima.

-¿Como se sente?

-Ascender a Segunda División B era un reto persoal que tiña. É a culminación de nove anos de traballo duro no mundo arbitral. Foi moi complicado poder ascender.

-¿É o primeiro colexiado da Costa da Morte en Segunda B?

-Si, é algo do que me sinto moi orgulloso. Non é nada fácil, máis ben todo o contrario

-¿Como se produciu o ascenso?

-En febreiro fomos seis colexiados galegos a Madrid. Volvemos tres en maio e agora dixéronme que ascendera. Uff, vaia presión que tiven estes últimos días posto que sabía que os resultados finais estaban a punto de chegar.

-Sería unha tempada especial.

-Sen a menor dúbida. Este ano pitei a final da Copa Federación entre o Ourense e o Guadalaxara. Estou moi contento de como me saíron as cousas no encontro. Pero do que realmente estou máis satisfeito foi do labor que fixen o ano pasado no mes de maio na liga feminina entre o Athlétic de Bilbao e o Barcelona, en San Mamés, diante de máis de 30.000 afeccionados. Estaba en xogo o título nacional.

ÓSCAR MARTÍNEZ SANTOS COLEXIADO DE CABANA DE BERGANTIÑOS