O director deportivo da Major League Soccer coñecerá in situ o Arousa Fútbol 7

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O vasco Alfonso Mondelo manterá unha xuntanza de traballo coa organización do torneo internacional alevín

11 jun 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

A decimonovena edición do Arousa Fútbol 7 arrincará na mañá do venres cun espectador de alto nivel. O vasco Alfonso Mondelo, director deportivo da Major League Soccer, a maior competición de fútbol profesional dos Estados Unidos e de Canadá.

O motivo da presenza de Mondelo na Lomba, explicaron onte desde a organización do torneo internacional alevín, é o interese da competición americana por facer un seguimento polo miúdo de todas as accións de fútbol base dos seus clubs. Neste caso, co gallo da participación do FC Dallas na cita vilagarciá.

Alberto Diz, voceiro da organización do Arousa Fútbol 7, comentaba onte que desde a MLS «solicitáronnos unha reunión de traballo para coñecer o funcionamento do noso torneo», en paralelo ao seguimento do FC Dallas nun campionato que arrincará encadrado no Grupo A xunto ao Real Madrid, Porto, Deportivo e AFB Lanzarote.

Chegada dos participantes

Os 20 equipos participantes no AF7 2014 chegarán a Vilagarcía entre hoxe e mañá. Os máis madrugadores serán a AFB Lanzarote e o Málaga CF, que teñen previsto aterrar esta tarde no aeroporto de Santiago. O FC Dallas saía onte á tarde de Texas para, vía Madrid, chegar a Vilagarcía mañá ao mediodía coa intención de adestrarse en Vilanova en horario vespertino. Case ao mesmo tempo, informan os responsables do campionato, chegarán á capital arousá o RCD Mallorca e o KRC Genk. O resto dos equipos non deberan instalarse moito máis tarde na bisbarra, emplazados ao acto de recepción e de acreditación na tarde de mañá.

Noutra orde de cousas, a AF7 anunciou onte o prezo das entradas: 10 euros por día solto, 5 a xornada da tarde do domingo, e 20 o abono para todo o torneo.