«Foi espectacular, acabamos facendo a tempada soñada»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

MARTA G. BREA

Confía en que o adestrador, «Pillo», continúe un ano máis no equipo

04 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

manuel camiña presidente do balonmán cangas

-Rematou a tempada, ¿que valoración fai o Balonmán Cangas?

-Foi quizais a mellor da historia do club porque foi boa a todos os niveis. Conseguimos defender o orzamento mes a mes. Creo que somos o único club, máis aló do Barcelona, que vai por libre, que puido pagar mes a mes. A nivel deportivo fixemos unha tempada que nin nos pasaba pola cabeza conquerila, porque practicamente toda a xente é de aquí. Foi unha campaña espectacular, acabamos facendo a tempada soñada.

-Mágoa de resultados da segunda volta.

-Si, pero ese baixón é lóxico porque foron moitas lesións, e ao ser a plantilla curta, pasan esas cousas. Ademais, foron xogadores vitais os que se lesionaron, sobre todo David, que é clave para nós e estivo case sen xogar toda a segunda volta. Así mesmo, os porteiros eran novos e tiveron unha tempada irregular. Non estiveron mal, pero cando o equipo non marcha se a portería non resolve, aínda é máis difícil. Logo recuperáronse.

-¿Que liña vai seguir a próxima campaña?

-A idea é tentar aguantar todo o bloque de xogadores e incorporar ao primeiro equipo algún rapaz da base xa de forma definitiva. Primeiro queremos renovar o adestrador. Xa estamos bastante preto de que continúe, que é o que queríamos, e logo serán o adestrador e o director técnico os que dicidan, pero a filosofía será a mesma. Queremos rapaces de aquí, tratar de aguantar o presuposto, porque máis baixo é imposible, e a ver que pasa.

De momento non hai ningunha baixa confirmada porque van seguir practicamente na súa totalidade. Os veteranos tamén imaxino que continuarán no equipo. A única dúbida que temos é na portería, pero iso está sen decidir. Nós non damos por perdido a ningún.

-¿Xa xestionou con Muratovic a súa continuidade?

-Seguramente continúe no equipo. Quedei de chamalo nuns días, e fareino, pero tamén está pendente do adestrador. Espero que este ano aínda dea máis rendemento. El e Suso, os máis veteranos, foron os máis goleadores. Ademais, xogou gratis toda a tempada. Queremos que continúe, pero cando menos que cobre como os veteranos.

-¿Que se pode agardar da próxima campaña do Cangas?

-Esperamos que, se non é tan boa como esta, se aproxime. A nós con mantenrnos na categoría, chéganos, porque non podemos aspirar a máis. Non hai potencial económico, e cada vez é máis difícil conseguir patrocinadores. Queremos seguir como estamos.