«A ilusión e a vontade non chegan para acadar ascensos»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

21 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

juan nécega adestrador do lourenzá-ensino

O Lourenzá-Ensino quedouse coas gañas de facer realidade un soño na fase de ascenso á Liga Feminina 2, a categoría de prata no baloncesto feminino español. En Salamanca foi superado polos tres rivais que se atopou, inimigos doutra pasta que frearon a meteórica progresión dunha escadra laurentina moi ben guiada por Juan Nécega (Foz, 1973) pero cos recursos xustos para retos tan esixentes. «Non competimos en igualdade de condicións», lamenta o adestrador mentres trata de ordenar a mestura de sentimentos coa que despide unha tempada «histórica».

-Imaxínoo decepcionado.

-Pois si, un pouco si porque creo que puidemos facer máis, pero tamén teño motivos para sorrir e sentirme orgulloso deste equipo, xa que o obxectivo inicial non era este. Non hai que esquecer que competiamos por primeira vez nesta categoría, polo que non podemos baixar a cabeza, ten moito mérito chegar onde chegamos.

-Imos por partes. Na estrea, derrota por 61-47 ante o Bera Bera de San Sebastián.

-Aí perdemos case todas as nosas posibilidades. Saímos á pista sen a intensidade que requiría o encontro e encaixamos un parcial brutal no primeiro cuarto que nos condenou. Pese a todo, a 6 minutos do final a desvantaxe era de só 8 puntos.

-No segundo partido case lle sacan as cores ao Universidade de Salamanca, anfitrión, o principal favorito e a escadra que finalmente ascendeu: 67-65

-Foi unha mágoa, tivemos opcións ata o derradeiro segundo. As perdas de balón lastráronnos, coma ao longo da liguilla, unhas veces propiciadas pola calidade do rival e outras polas nosas carencias.

-Na despedida o verdugo foi o Tabirako, o outro representante vasco: 75-66.

-Chegamos moi tocadas, tanto animicamente como no plano físico. Taimara, Elena..., algunhas xogadoras estaban moi castigadas e fixeron un esforzo importante para axudar. Aínda así puidemos gañar. No derradeiro cuarto encaixamos tres triplas consecutivos que nos mataron.

-¿Estes golpes quítanlle a un as gañas de seguir?

-Non. Polo menos a min provócanme o efecto contrario. Danme máis forza e espero que ás xogadoras tamén, non podemos caer no desánimo. O que nos pasou nesta liguilla foi, en certa medida, o que tiña que pasar. A ilusión e a vontade non chegan para acadar ascensos. Atopámonos con clubs dunha entidade superior, moito máis traballados, con máis recursos... Temos que quedarnos co que fixemos antes. Acabar segundas sendo debutantes..., algo fixemos ben.

-E viaxando en furgoneta e coas prazas contadas...

-Iso é. A iso me refería cando dicía que non competimos en igualdade de condicións. Na liguilla de ascenso mirabas aos banquillos rivais e víalos cheos de xente, con xogadoras, asistentes... Non así o noso.

«Non competimos en igualdade de condicións (...) Os rivais eran dunha entidade superior»

«Non podemos baixar a cabeza, ten moito

mérito chegar onde chegamos»