«O que eu fago é moi difícil, pero son unha apaixonada»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

DEPORTES

MARCOS CREO

Lidia é unha trotamundos que expón na súa vila natal as imaxes da viaxe que fixo a Kenia o verán pasado

06 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Kenia tierra libre é o título da exposición que ocupa as paredes do Centro de Interpretación do Castro de Baroña. Este suxerente epígrafe é a carta de presentación na súa vila natal de Lidia Queiruga, unha trotamundos que leva ás súas costas miles de quilómetros que percorreu con gusto para facer dedicarse á súa paixón: a fotografía de natureza e viaxes.

-Esta é a súa primeira exposición en Porto do Son, ¿por que elixiu Kenia como tema da mostra?

-De todos os países que levo visitado ata o momento, o que máis me impactou foi ese pequeno recuncho que coñezo de África. Quería dar a coñecer a liberdade na que están os animais alí, e a liberdade na que conviven cos homes sen aniquilarse os uns aos outros, que é o que facemos en occidente. Sobre todo nas tribos, os homes viven alleos ás leis, aos impostos... Manteñen o seu estilo de vida como gandeiros, non como cazadores. Son un exemplo de evolución e de como o país soubo sacar rendemento económico sen exterminar aos animais.

-¿Como comezou o seu traballo como fotógrafa de viaxes?

-Estudei fotografía en vídeo e logo marchei a Madrid, onde me especialicei en fotografía de natureza e viaxes. Alí empecei a tocar portas para traballar en editoriais, pero acabei como freelance: eu xestiono e fago as miñas reportaxes e logo véndoas. Estou dándome a coñecer a ver se me contrata algunha editorial e podo vivir disto toda a vida.

-Organizar este tipo de viaxes debe ser complexo e caro...

-É complicado, e ás veces aínda vendendo a reportaxe apenas chega para cubrir os gastos... É moi difícil, pero como eu son unha apaixonada do meu non me importa.

-¿Que país lle queda pendente de visitar?

-Teño moitos pendentes, ¡hai máis destinos do que eu poida vivir! Un deles é Chile, porque a nivel de natureza é outro dos grandes. De feito é a próxima viaxe que estou planificando, estarei tres meses por alá.

-¿Como escolle os destinos?

-Pois de repente empézome a encaprichar con un país e póñome a organizalo. Pero hai certos lugares aos que sei que vou a ir, guíome moito pola paisaxe e a natureza. Outro destino que me gusta é Perú, e xa teño falado para pasar unha tempada no Amazonas... Unha vez que estea en Latinoamérica irei saltando dun sitio a outro.

-¿E que é o máis complicado de organizar este tipo de expedicións?

-O máis complicado é cando estás en países onde non falas o idioma, sobre todo en lugares como Kenia. Alí era moi complicado porque nas tribos case non falan inglés. E logo un dos medos que tes é cando te atopas en lugares nos que non tes cobertura médica; tes que ter moito coidado co que comes, co que bebes... Polo demais, levas todo moi planificado e máis ou menos sei onde vou estar en cada momento durante os tres meses que vou pasar en Chile.

Lidia Queiruga Fotógrafa de Porto do Son