«Farei o circuíto de carreiras populares da Costa da Morte»

José Manuel Ferreiro Negreira
José M. Ferreiro CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

O soneirán quedou segundo na proba inaugural celebrada en Camariñas

31 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O ex xogador do Soneira, retirado esta tempada, Luís Miguel Antelo Lema, Míchel (Vimianzo, 1978), é unha da novas no atletismo na Costa da Morte. Este filólogo de hispánicas e galego leva sete anos dando clase no colexio Manuela Rial Mouzo de Cee e deixou o fútbol federado despois de vinte anos. Durante este tempo vestiu as camisetas do Baio, onde comezou aos 14 anos. Despois dunha campaña estivo en dúas etapas no Soneira (16 anos). E no medio, dúas campañas no Camariñas.

-¿Como se meteu a facer atletismo?

-Gústame moito facer deporte. O ano pasado probei na carreira popular de Vimianzo e sentinme ben. Máis adiante fun á de Corcubión, á media maratón de A Coruña, un cros en Lariño e a última en Camariñas.

-En Camariñas foi segundo.

-Si, a verdade e que non o esperaba. O que fago nas carreiras e fixarme en alguén que teña un bo ritmo e unha zancada constante. Desa forma síntome cómodo correndo. Non me gustan estar a tiróns.

-¿Disputará o circuíto?

-Farei o circuíto de carreiras populares da Costa da Morte. Estou apuntado, polo menos. De todas formas igual fallo nalgunha, porque teño outras obrigas e igual non podo compaxinar coas datas que xa están establecidas. Pero a intención é facer o maior número de probas.

-¿Vai loitar por acabar entre os primeiros da táboa?

-Non creo. Eu non fago un adestramento específico. Saio dous días pola semana a correr un pouco e tamén intento algún día o fin de semana e pouco mais. Gústame facer deporte e correr dáseme ben. Pero non o tomo tan en serio.

-¿O atletismo está tendo moito tirón na Costa da Morte?

-A verdade é que si. E con este tipo de iniciativas coma o circuíto terá moito máis. En Vimianzo a febre comezou hai dous anos de forma clara, cando Andrés Eirís e Javier Novo fixéronse co ximnasio municipal.

-¿En Vimianzo están deixándose notar moitos atletas?

-Está claro que Teresa, David Calzas, Viki ou Enrique da Torre son realmente os que deron o tirón. Por iso en cada proba que se organiza na Costa da Morte hai moitos de Vimianzo.

-¿Que outros deportes practica?

-O fútbol e o fútbol sá, tenis, baloncesto, petanca, voleibol... Agora estou facendo un pouco de esquí e tamén intento perfeccionar na natación. Loxicamente o que máis me tirou sempre foi o fútbol. Eu son dende sempre seguidor do Barça. Pero xa digo, estou interesado en practicar calquera deporte, sexa o que sexa.

Luís miguel antelo lema «míchel» exxogador de fútbol e atleta