Rafael Izquierdo completa unha sobresaínte Winter Cup coa selección española Sub14

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O xogador do Club de Tenis O Rial remata oitavo co combinado hispano, e aspira a disputar con el en verán a Summer Cup

20 feb 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

Ás veces os últimos son os primeiros. Como no caso de Rafa Izquierdo. A promesa do Club de Tenis O Rial completou a pasada fin de semana a súa primeira experiencia coma xogador internacional coa selección española na oitava e derradeira praza da fase final da Winter Cup Sub 14. O Campionato de Europa oficioso da categoría en pista rápida cuberta, con España no cadro final logo de rematar subcampioa do seu cadro de clasificación en Kazan, Rusia, co xogador compostelán como peza destacada nos triunfos sobre Croacia (3-0) e sobre Israel (2-1).

En Correggio, Italia, ao combinado hispano non lle sorríu a sorte. Na primeira eliminatoria, a de acceso ás semifinais, tocoulle Alemaña, o equipo que remataría erguendo a copa de campión como a primeira selección ademais quen de facerse co título da Winter Cup sen ceder un só punto-partido -as eliminatorias xogábanse ao mellor de tres enfrontamentos-. Contra a escadra xermana Izquierdo vendeu cara a pel española no dobres co albaceteño Carlos Sánchez Jover, caendo 5-7 e 6-7 (3) ante Nicola Kuhn e Henri Squire.

O único punto español, seu

Ao día seguinte Rafa abríu o duelo polo acceso á eliminatoria polo quinto posto ante Polonia perdendo por un dobre 6-3 con número 1 rival, Tomasz Dudek. Carlos Sánchez empatou o cruce, pero a parella hispana sucumbíu no tie-break do dobres 7-6 (5) logo de perder o primeiro set 6-4 e levarse o segundo por 4-6. O tercer integrante do equipo nacional, o valencián Alejandro Vedri, lesionárase o primeiro día nas costas.

Un problema que sufríu na derradeira xornada Sánchez no segundo partido contra Turquía na eliminatoria polo sétimo posto, logo de que o tenista do CT O Rial sumara o punto-partido ante Bora Baslar por 6-7 (0) e 0-6. Perdido o duelo de Sánchez por retirada, o terceiro punto déuselle a Turquía por contar España xa só con Izquierdo dispoñible.

«Ha sido una muy buena experiencia», comentaba onte o galego da súa participación nas dúas fases da Winter Cup ao longo do último mes. «Estos torneos que se juegan fuera de España te sirven para aprender mucho». E despois da súa sobresaínte estrea, Rafa ten moitos boletos para acudir a comezos de verán á Summer Cup, o torneo equivalente da Winter Cup en pista lenta de terra e ao aire libre.