Bo inicio de Carlos Paz en Palamós, terceiro na xeral

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

19 dic 2013 . Actualizado a las 06:56 h.

Carlos Paz e o seu tripulante accidental, o tamén galego Iago López, cubriron onte con nota o expediente da primeira das cinco xornadas da Christmas Race de Palamós. Nunhas condicións límite, con pouca onda e ventos moi frouxos de entre 5 e 6 nós que retrasaron a saída á auga da frota de 49er ata as 13.30 horas, o barco do Liceo Casino foi un dos poucos que puido presumir de regularidade nas dúas mangas disputadas -caeu a noite antes de poder disputarse a terceira programada-.

Cun oitavo e cun sexto postos nos dous parciais, o Deporte Galego-Diputación de Pontevedra de Paz e de López situouse terceiro na clasificación xeral provisional con 14 puntos. O líder, o Seahow dos fineses Lauri Lehtinen e Kalle Bask, suman 9, e 13 os daneses do Danish High Performence Jonas Warrer, ouro olímpico en Pekín 2008, e Peter Orsted, bronce en Londres 2012.

Carlos Paz manifestaba onte ao termo da xornada inaugural que «estamos contentos por no pinchar. No eran nuestras condiciones ideales, con poco viento y ola, y siendo además la tripulación más pesada de la flota».

As previsións meteorolóxicas para hoxe son dun cambio radical do panorama, con onda alta e ventos de 15 a 20 nós. Dureza demasiado elevada para unha tripulación galega de circunstancias a raíz da nova paternidade de Antón Paz.