«Teño moitas ganas de volver ser titular e traballo para conseguilo»

M. A. LESTEGÁS VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

26 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Rafa Casanova (Friol, 1982) está de volta. Unha lesión de cadeira, que o mantivo alonxado dos terreos de xogo sete meses, xa é historia e o interior friolense volveu a marcar un gol antonte, no triunfo diante do Atlético Riveira. Desde que entrou na primeira convocatoria, hai catro encontros, o Ribadeo FC só coñece a vitoria, un feito ao que o friolense lle resta importancia. Porén, para moitos, o seu regreso ao segundo clasificado da Preferente supón unha das mellores fichaxes de inverno que poderían ter feito.

-¿Que tal está sendo o seu regreso aos campos?

-Está sendo bo, moi satisfatorio. Levo catro semanas xogando e case dous meses adestrando. Non estou tendo problemas e xa me volvo sentir futbolista.

-¿É máis doado voltar nun equipo que o está facendo tan ben?

-Si, sen dúbida. Cando o equipo vai ben, para un xogador é moito máis fácil ser competitivo de novo e progresar máis rápido.

-Conseguido o primeiro gol, agora só lle falta volver a gozar dunha titularidade.

-Si, e teño moitas ganas de ser titular. Traballo e entreno para convencer ao técnico e volver entrar no once.

-Desde a súa entrada no equipo, só coñecen a vitoria.

-É certo, pero non creo que teña moito que ver. É totalmente anecdótico, porque o equipo xa estaba xogando moi ben.

-O Atlético Riveira foi un rival moi esixente.

-Era un equipo do que xa nos falaran de que era complicado. Marcara gol en todos os partidos como visitante e púxonos as cousas moi difíciles. De feito, estivo a piques de empatar cun tiro ao pao, pero ao final tivemos un pouco de fortuna e conseguimos o triunfo.

-Con 31 puntos na clasificación, ¿non é momento xa de pensar en cotas maiores que a permanencia?

-De momento creo que só hai que pensar na salvación, que era o obxectivo que tiñamos desde principio de tempada. Temos que seguir indo partido a partido e considero que ata a xornada 30 non se vai saber por que meta estaremos pelexando. Aínda hai que esperar para pensar en cousas máis grandes.